O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega este xoves dun novo camión para o servizo municipal de emerxencias de Sanxenxo, para intervir en incendios e labores de salvamento en zonas ás que non poden acceder outros vehículos de maior tamaño.
O camión conta cunha cisterna de 1.100 litros, o que supón unha cantidade de auga suficiente para afrontar unha primeira intervención nun lume urbano.
Á entrega tamén acudiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e o concelleiro de seguridade, Jaime Leiro.
A Xunta adquiriu este vehículo tipo bomba rural lixeira (BUL) por 150.000 euros, no marco dun investimento de 600.000 euros para reforzar o equipamento de varios grupos mediante a compra de 4 vehículos: un para o servizo municipal de emerxencias de Sanxenxo, 2 para Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de A Estrada/Lalín, cun camión para os efectivos de cada unha das sedes, e outro para o novo servizo municipal de Noia creado este ano.
Alfonso Rueda reafirmou o compromiso da Xunta para apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade na dotación de equipamento para contar con profesionais ben equipados que poidan facer fronte a incidencias como o incendio industrial da pasada fin de semana na fábrica de Jealsa de Boiro, á que se trasladaron efectivos de tódalas partes mobilizados e coordinados polo 112 Galicia e que colaboraron no control do lume.