A Xunta Electoral sanciona a Cidadáns por non retirar bandeirolas colocadas ilegalmente en dúas rúas

Pontevedra
18 de abril 2019

A Xunta Electoral de Zona ordenou ao Concello de Pontevedra a "inmediata retirada" das bandeirolas colocadas pola candidatura de Cidadáns nos báculos de luz de Eduardo Pondal e Reina Vitoria. O luns pedira ao partido de Albert Rivera a súa retirada e, ante a súa inacción, actuouse de oficio e abriuse expediente

Bandeirolas de Cidadáns colocadas ilegalmente en Eduardo Pondal e Raíña Victoria PSdeG-PSOE de Pontevedra

A Xunta Electoral acordou este mércores incoar un expediente sancionador a Cidadáns por non retirar unha serie de bandeirolas colocadas ilegalmente nas rúas Eduardo Pondal e Reina Vitoria de Pontevedra. 

Todo xurde por mor dunha denuncia do PSOE pola presenza de bandeirolas de Cidadáns colocadas ilegalmente en ambas as rúas. Xa o pasado luns día 15 de abril, a Xunta Electoral acordou pedir a retirada da propaganda electoral e, ante a inacción do partido, dous días despois, o mércores 17, acordouse sancionar. 

Ademais, a resolución da Xunta Electoral inclúe pedir ao Concello de Pontevedra que ordene a "inmediata retirada" das bandeirolas colocadas pola candidatura de Cidadáns nos báculos de luz de Eduardo Pondal e Reina Vitoria. Segundo puido confirmar PontevedraViva, os servizos de limpeza municipais encargados destas tarefas executaron a orde da Xunta Electoral de Zona na mañá deste xoves. 

A notificación da Xunta Electoral de Zona de Pontevedra inclúe unha referencia a unha intervención da Policía Local de Pontevedra que, por petición do organismo electoral, revisou a situación das bandeirolas. Unha vez que se comprobou que ás 12.45 e as 12.56 horas deste mércores, dous días despois de que se ordenase a súa primeira retirada, Cidadáns incumprira a orde, a propaganda seguía no seu lugar, acordouse ir máis aló. 

O PSOE denunciara a colocación das bandeirolas colocadas nos báculos de Eduardo Pondal e Reina Vitoria co logo de Cidadáns e a cara do seu líder, Albert Rivera, por estar instalada en rúas non autorizadas pola Xunta Electoral. Hai estipuladas unha serie de rúas para a colocación legal de propaganda electoral e ningunha destas dúas vías figuran na listaxe autorizada.