A Xunta Electoral Central anula os polémicos votos de Caldas e deixa o PSOE sen maioría absoluta

Umia
08 de xuño 2015

A anulación destes dous votos resulta decisiva para a conformación do futuro Goberno local de Caldas, pois o PSdeG-PSOE quedou a tan só un voto da maioría absoluta. A resolución confirma o reconto da noite electoral, de modo que a repartición de concelleiros da futura Corporación queda a razón de seis socialistas, catro do PP, un do BNG e dous de Independentes de Caldas de Reis 

Sesión de escrutinio de votos da Xunta Electoral de Zona de Pontevedra Cristina Saiz

A Xunta Electoral Central deu unha volta máis de rosca á polémica xurdida en Caldas de Reis a raíz de dous votos manipulados que inicialmente foron anulados durante o reconto da noite electoral e logo admitiu como válidos a Xunta Electoral de Zona de Pontevedra. O organismo central vólveos anular nunha resolución xa firme contra a que non cabe novo recurso. Se algún partido político está en desacordo coa decisión, xa só poderá presentar un recurso na vía xudicial.

A anulación destes dous votos resulta decisiva para a conformación do futuro Goberno local de Caldas, pois o PSdeG-PSOE quedou a tan só un voto da maioría absoluta. A resolución da Xunta Electoral Central confirma o reconto da noite electoral, de modo que a repartición de concelleiros da futura Corporación queda a razón de seis socialistas, catro do PP, un do BNG e dous de Independentes de Caldas de Reis (ICdR).

O acordo da Xunta Electoral Central estima o recurso presentado polo PP contra o acordo da Xunta Electoral de Zona, no que pedía que se declarasen nulas as papeletas pertencentes á candidatura do PSOE da Mesa 2.2. U de Caldas. Trátase de dúas papeletas que aparecen resgadas na súa parte inferior xusto por debaixo do último suplente, de modo que foi cortada a parte inferiro en branco, carecendo dun anaco de papel.

Ao respecto, o documento da Xunta Electoral Central, ao que tivo acceso PontevedraViva, conclúe que se produciu unha alteración da papeleta de carácter voluntario ou intencionado, polo que resulta plenamente aplicable a consecuente nulidade do voto.

O PSdeG-PSOE queda con maioría simple, de tal forma que necesita o apoio ou abstención dalgún outro grupo para facilitar a investidura de Juan Manuel ReyRey como alcalde outros catro anos.

Arquivado en