A Xunta destina 165.700 euros para contratar 55 socorristas nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas

Pontevedra
16 de xuño 2020

O goberno galego apoiará aos concellos da comarca do Salnés con 88.413 euros para contratar durante os meses de xullo e agosto a 29 socorristas. En Pontevedra e Caldas o investimento é de 77.355 euros para que 26 socorristas realicen o seu traballo durante estes dous meses nos areais destas comarcas

Socorristas na praia de Canelas Concello de Sanxenxo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria trasladou este martes a resolución da orde de axudas que permitirán que os municipios das comarcas do Salnés, Pontevedra e Caldas poidan contratar a 55 socorristas durante os meses de xullo e agosto deste ano.

En concreto, a comarca do Salnés recibirá 88.413 euros para sumar a 29 socorristas ás súas praias. Os municipios beneficiarios serán A Illa de Arousa, Sanxenxo, e Vilagarcía de Arousa con seis socorristas cada un, O Grove con sete e Meaño e Ribadumia con dous.

Por outra banda, as comarcas de Pontevedra e Caldas recibirán 77.355 euros como axuda para contratar a 26 profesionais que vixíen as praias durante estes dous meses. Beneficiaranse desta colaboración Moraña e Catoira, con dous socorristas cada un e Portas con un só, mentres que Bueu, Marín e Poio sumarán seis socorristas e Ponte Caldelas contará con tres.

Cada concello é o que agora deberá realizar a contratación, xa que este apartado non é competencia da Xunta de Galicia. Segundo a administración autonómica, estas axudas permiten que esta figura fundamental para dotar de seguridade nas praias das Rías Baixas.

A consellería lembra que a provincia de Pontevedra logrou 52 bandeiras azuis con Sanxenxo como o municipio con máis distintivos dentro do Estado, ao acadar que 17 praias conten coa bandeira azul.