A Xunta destaca a "funcionalidade" da A-57 como "circunvalación de Pontevedra" fronte á "aberración irracional" que denuncia AGE

Pontevedra
19 de marzo 2015

O deputado Antón Sánchez de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou este xoves unha pregunta na comisión parlamentaria de Ordenación Territorial a respecto da "aberración irracional" que, ao seu xuízo, suporá a construción da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida

Zona de Pintos, en Marcón, pola que pasará o trazado da autovía A-57 Salvemos a Fracha

O deputado Antón Sánchez de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou este xoves unha pregunta na comisión parlamentaria de Ordenación Territorial a respecto da "aberración irracional" que, ao seu xuízo, suporá a construción da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida.

O Ministerio de Fomento prevé gastar case cen millóns de euros en menos de sete quilómetros de vía nunha obra que presenta como "alternativa" á AP-9. A obra construirá noiros de ate 60 metros de altura en aldeas como Pintos, en Marcón.

Pola súa banda o director xeral de Infraestruturas da Xunta, Francisco Menéndez, salientou que a futura A-57 será "unha circunvalación de Pontevedra" e mellorará a conectividade co Aeroporto de Peinador, configurándose como "unha alternativa á AP-9 libre de peaxe".

Para a Xunta con este vial de alta capacidade facilitarase a comunicación entre a N-550 e a N-541 e dotarase de maior accesibilidade á zona leste da cidade, así como ao polígono industrial do Campiño e a plataforma loxística da Reigosa. Deste xeito preténdese reducir a presión circulatoria sobre o acceso sur a Pontevedra.

O director considerou que sería unha postura "máis lóxica" que os cambios que se están a demandar dende a oposición se formularan "durante a fase do estudo informativo e non despois de toda a tramitación necesaria para levar a cabo a obra".

Arquivado en