A Xunta, "descontenta" con ENCE por suspender o seu plan social en Pontevedra

Pontevedra
26 de outubro 2022

A suspensión do plan social que Ence pactara coa Xunta de Galicia, destinado a financiar con tres millóns de euros anuais a asociacións e colectivos da comarca de Pontevedra, non gustou no seo do goberno galego

Comisión de seguimento do pacto ambiental asinado con Ence Mónica Patxot

A suspensión do plan social que Ence pactara coa Xunta de Galicia, destinado a financiar con tres millóns de euros anuais a asociacións e colectivos da comarca de Pontevedra, non gustou no seo do goberno galego.

O seu propio presidente, Alfonso Rueda, asegurou que a Xunta trasladou o seu "descontento" á dirección da empresa pasteira. Fíxoo, segundo explicou, en "sucesivas ocasións".

A compañía aduce, explicou o titular do goberno galego, que "dada a redacción do convenio" e ante a situación de incerteza que atravesa a fábrica de Pontevedra, pendente da decisión do Tribunal Supremo sobre a súa prórroga, "procede esa suspensión".

Pero na Xunta non están de acordo e instan a Ence a retomar o seu plan social canto antes.

O que non fará o executivo autonómico, polo menos por agora, é romper o convenio que o propio Rueda asinou no ano 2016 co agora presidente da compañía, Ignacio de Colmenares.

Este pacto ambiental incluía, entre outras compensacións pola continuidade de Ence en Lourizán ata 2073, a convocatoria anual destas axudas, das que nada se sabe desde 2019.

"O que interesa é que se reactive, non que se rompa o acordo", sentenciou Alfonso Rueda.