A Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra denunciou a "persecución" do Goberno local por contratar a un detective privado para investigar a un bombeiro que se atopaba en situación de incapacidade laboral por motivos psicolóxicos cunha baixa de longa duración.
Ese traballador estaba de baixa desde o 9 de xuño de 2021 e en outubro dese ano deu un concerto de música Death Metal co seu grupo no veciño concello de Poio, unha actividade que foi anunciada nas redes sociais.
A contratación do detective xustificouse, por parte do director xeral de recursos humanos, José Manuel González, como unha asistencia externa para investigar unha "posible infracción de natureza disciplinaria de carácter grave" aínda que o portavoz da Xunta de Persoal, Héctor Santaló, enmarcou este caso no conflito laboral que se vive no Concello de Pontevedra e no "mal ambiente" que existe entre os representantes dos traballadores e o Goberno local.
"A finalidade deste procedemento, desde o noso punto de vista, era asustar ou amedrentar aos traballadores por non comulgar coas imposicións que veñen deste Goberno municipal", dixo este portavoz dos empregados municipais no transcurso dunha rolda de prensa convocada por mor de que o xornal ABC publicase este caso.
Pola súa banda, a concelleira responsable da área de Persoal, Carmen Fouces, xustificou que no Concello de Pontevedra "cando temos sospeitas fundadas e evidentes de que algunha cousa funciona mal ou hai algún problema o que facemos é actuar" e neste caso fixérono a través da contratación dun detective, que custou 363 euros para unha investigación de seis horas. "Nós temos que actuar porque temos un mandato da cidadanía que é dar conta do diñeiro público", engadiu a edil nacionalista.
Fouces indicou que é a primeira vez que o Concello acode a unha contratación deste tipo desde que ela é a responsable da área de Persoal pero entende que "é unha práctica que as administracións públicas utilizan cando o necesitan" asegurando que é "a fórmula habitual de proceder cando suceden esas cousas". A concelleira rexeita que este caso teña algo que ver co conflito laboral.
Neste caso acudiuse a unha asistencia externa ao ser unha actividade que se desenvolvía fóra do municipio de Pontevedra porque, tal e como sinalaron os representantes sindicais, nos últimos anos leváronse a cabo varias investigacións laboral a funcionarios do Concello por parte da Policía Local.
Unha vez que se realizou o informe por parte do detective privado a administración local iniciou un expediente sancionador a ese bombeiro, que acudiu aos representantes dos traballadores que interviñeron "preocupados pola situación de persecución que isto supoñía", dixo Héctor Santaló. Despois dun ano de baixa, este funcionario reincorporouse ao seu posto durante seis meses e, a día de hoxe, volve estar de baixa
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra expresou a súa "sorpresa" por este caso e solicitou o expediente da contratación dese detective privado e reclama "que se justifique o se motive" esta forma de proceder da que non cuestiona a súa legalidade.