Héctor Santaló, portavoz da Xunta de Persoal do Concello, acompañado por outros integrantes deste colectivo, advertía este xoves que, neste mandato, o Concello de Pontevedra iniciou a investigación de 16 traballadores municipais por causas laborais.
Os representantes sindicais destacaron esta circunstancia ao lamentar todo o procedemento realizado desde a concellería de Persoal, que dirixe Carme Fouces, ao contratar a un detective para investigar a baixa laboral dun bombeiro. Santaló lamentou os "graves defectos de procedemento" e a "persecución do grupo de goberno a certos traballadores".
No caso do bombeiro investigado, a Xunta de Persoal considera que a tramitación dun expediente disciplinario destas características non corresponde ao Concello de Pontevedra senón ao Instituto Nacional de Saúde. Afirma que o traballador foi acusado dunha baixa fraudulenta e para defenderse tivo que achegar certificados e documentos médicos que o Concello "non tiña que coñecer nin o traballador que achegar", entre outras irregularidades na tramitación.
O portavoz do colectivo tamén denunciou que o Concello "buscou outra vítima" neste caso ao solicitar tres intervencións á Inspección Médica sobre o informe asinado pola doutora que lle concedeu a baixa laboral. Santaló expuxo que o expediente se tramitou partindo dun erro inicial ao desenvolverse por unha administración que non estaba habilitada e ao longo de máis de dez meses, en seis deles sen que o traballador recibise notificación por parte do Concello.
Sinalan que, a través dunha certificación do secretario municipal, comprobaron que neste mandato foron investigados once policías locais; un traballadore de administración especial; dous no departamento de bombeiros; e un en persoal de oficio. Entenden que estas investigacións laborais se realizaron con "medios propios", probablemente a través de axentes da Policía Local, segundo explicaron. Recoñecen que destes procedementos carecen de información por parte do goberno local. Héctor Santaló indicou que investigarán sobre estes expedientes e estudarán a posibilidade de denuncialo ante o Defensor do Pobo.
UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS
Os representantes laborais tamén denunciaron o "desmantelamento" que sofre a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). Criticaron que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmara que neste servizo se receita metadona ao ofrecer "unha versión parcial e sesgada".
Lembraron que nesta Unidade se atende todo tipo de condutas aditivas, tanto a substancias, ao xogo ou a vídeoxogos, sinalando que hai pacientes menores que empregan este servizo. Explicaron que a Xunta de Galicia mantén este convenio desde o ano 1992 co Concello de Pontevedra destinado a pagar os gastos do funcionamento deste espazo.
Piden ao alcalde que negocie coa Xunta unha maior dotación económica se resultan "insuficientes" os 400.000 euros actuais, o 80% do orzamento do departamento, que achega a administración autonómica.
Lembraron que a UAD leva tempo sen auxiliar administrativo, sen auxiliar de clínica e xubilaron a un psicólogo e a un médico. No proceso de estabilización de postos de persoal laboral exclúense eses postos e, por tanto, non está previsto que se substitúan.
Ante esta situación, denuncian que a UAD como servizo municipal sofre cada vez unha maior carga de traballo. "Lonxe de ser un servizo do que fuxir, hai que sacar peito e sentirse orgulloso. O problema das adiccións está presente", apuntou Héctor Santaló. Tamén Carmen Franco, delegada de Persoal, lembrou que o 50% de pacientes que son atendidos na UAD de Pontevedra pertencen ao municipio mentres que o resto correspóndese con concellos da contorna.
Criticaron que Fernández Lores convoque aos alcaldes en defensa da sanidade pública e, en cambio, non defenda esta servizo sanitario municipal.