A Xunta de Galicia, obrigada en firme a restaurar e manter o Pazo de Lourizán

Pontevedra
05 de maio 2022

A sentenza que condena á Xunta de Galicia a realizar as obras de rehabilitación e mantemento do Pazo de Montero Ríos, en Lourizán, xa é firme. Así o ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, despois de que o goberno galego non recorrera esta decisión xudicial

Pazo de Lourizán Juan Mejuto

A sentenza que condena á Xunta de Galicia a realizar as obras de rehabilitación e mantemento do Pazo de Montero Ríos, en Lourizán, xa é firme. Así o ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, despois de que o goberno galego non recorrera esta decisión xudicial.

O alto tribunal galego dálle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda un prazo de dez días para que "leve a puro e debido efecto" a súa decisión, é dicir, que cumpra os contidos da sentenza.

Así, con arranxo co convenio asinado entre a Xunta e a Deputación de Pontevedra no ano 2000, o goberno galego está obrigado a efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre da Finca de Lourizán, declarada como Ben de Interese Cultural.

Tras a primeira sentenza do TSXG, o pasado mes de febreiro, a Xunta defendeu que "mesmo antes de coñecer o contido e alcance deste fallo" xa iniciara as obras de mellora das condicións de conservación do Pazo de Lourizán. 

Neste plan de actuacións, o goberno galego incluía a reposición da cuberta de lousa e retellado puntual, a limpeza de canlóns e baixantes, a substitución de canlóns e gárgolas de chumbo por zinc, a limpeza e impermeabilización de terrazas, a substitución de lucernario, a impermeabilización de carpintería, arenovación da instalación eléctrica e a limpeza das terrazas pequenas. 

A Deputación considera que estas obras, valoradas nuns 208.000 euros, son "totalmente insuficientes", xa que a memoria técnica elabora polo servizo provincial de Arquitectura, cifraba en 14,2 millóns o investimento necesario para a rehabilitación integral do inmoble.

Sobre o fallo xudicial pronunciouse a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, quen mostrou a súa satisfacción pola decisión ao afirmar que "os convenios teñen rango de norma e hai que cumplilos". Remarcou que o contido do acordo deixaba ben claro que era a Xunta a que debía asumir os labores de rehabilitación e mantemento dun pazo de que é "precioso e extraordinario".

Pide agora a mandataria socialista á Xunta que acheguen os recursos necesarios, que nun primeiro momento cifraran en 14 millóns de euros, pero que coa deterioración actual e o paso do tempo serán "uns vinte millóns, pero a Xunta ten capacidade e será unha gran noticia", concluíu a presidenta.