A Xunta de Fiscais de Pontevedra continuará coa investigación aberta en relación cos sobreprezos nos alugueres duns baixos na cidade de Vigo, que pertencen ao presidente da Deputación de Pontevedra e do Partido Popular provincial, Rafael Louzán.
Está previsto que o acordo ao que os fiscais chegaron este venres no edificio xudicial da Parda se presente o luns 31 como un decreto de remisión que será trasladado ao xulgado, que terá que decidir se admite ou non esta querela formulada polo fiscal de delitos económicos.
O caso derívase dunha denuncia anónima presentada en 2013, tras facerse pública a declaración de bens patrimoniais dos deputados provinciais, e que relaciona Rafael Louzán e a súa muller co cobramento dun prezo de aluguer de baixos comerciais moi por enriba do estipulado para outros inmobles similares nesa zona de Navia na cidade viguesa. O deputado popular Severino Reguera é quen ten arrendados eses locais e tamén se encontra inmerso na investigación.
O presidente da Deputación, a súa muller e o deputado tiveron que declarar, semanas atrás, no edificio xudicial da Parda.