A Xunta de Galicia acordou este sábado a liberdade horaria para todos os establecementos aos que se permite abrir durante o tempo en que están activados o Estado de Alarma a nivel estatal e a situación de emerxencia sanitaria a nivel autonómica, co obxectivo de que poidan facilitar a atención aos cidadáns. (Estes son os establecementos que poderán abrir)
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu este sábado a primeira reunión do Centro de Coordinación Operativo (Cecop) posto en marcha para facer fronte á emerxencia do coronavirus e, ao seu remate, unha vez activado xa o Estado de Alarma que determina que o Goberno do Estado é agora a administración competente en todo o Estado, apelou á lealdade entre administracións e entre os cidadáns porque "son os cidadáns aos que servimos e son os que marcan a necesidade da coordinación, da responsabilidade e da unidade".
Feijóo quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos cidadáns e asegurou que o subministro está garantido. Ao respecto, avanzou que a Xunta remitirá unha instrución con todas as recomendacións aos supermercados, co obxectivo de que garantan a distancia de seguridade de polo menos un metro que ordena o Estado de Alarma e que non se supere un terzo do aforo permitido, tal e como se recolle nas directrices da Xunta ao respecto.
"Pedimos a todos os cidadáns, tranquilidade e responsabilidade. Os supermercados e as tendas de alimentación estarán abertos e surtidos", asegurou, e explicou que estes locais poderán abrir as 24 horas se é preciso para atender aos cidadáns.
En relación coas persoas sen fogar, indicou que a Xunta asegurará a apertura de todos os albergues sociais, para que poidan pernoitar, e sinalou que as cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual, limitando a presenza simultánea de comensais a un terzo do seu aforo e reforzando o subministro de comida para o consumo fóra do centro. O resto dos centros de inclusión social limitarán a súa actividade e ofrecerán unicamente servizos de ducha, lavandería e os coñecidos como calor e café.
En materia sanitaria, a Xunta aprobou unha instrución dirixida aos xerentes das áreas sanitarias, para que procedan a reprogramar a atención sanitaria ordinaria, co alcance que sexa necesario para responder ás necesidades extraordinarias que vaian xurdindo.
Ademais, quixo asegurar que a Xunta garante a resposta da planta de tratamento en Sogama na xestión do lixo e os concellos están preparados para atender a recollida e deu a coñecer que se suspenden as queimas nos montes galegos, deixando sen efecto as autorizadas e que aínda non se realizasen, engadiu.
Entre as decisións adoptadas pola Xunta este sábado tamén se recollen que, ante o peche dos centros escolares durante 15 días que será efectivo a partir deste luns, soamente o equipo directivo necesitará permanecer nos centros, isto é, xefe de estudos, secretario e director.
En todo caso, todas estas medidas deberán adaptarse ás que se deriven do Real Decreto Lei aprobado polo Goberno este sábado para activar o Estado de Alarma.