Patricia Vilán, deputada do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, preguntaba este xoves na Comisión 2ª do Parlamento galego que novidades hai sobre o financiamento da estación intermodal para Pontevedra, coa conexión entre as estacións de autobuses e trens. A representante do PSOE preguntábase, entre outras cuestións, en que partida orzamentaria da Xunta se atopaba este proxecto.
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, indicaba que a intención por parte do executivo galego é iniciar os traballos do conxunto intermodal en 2019, cun investimento de 5,5 millóns de euros.
O representante da administración autonómica explicou que en agosto de 2017 se asinou o convenio marco para o desenvolvemento da mellora das instalacións da estación de autobuses e a mellora da intermodalidade, coa reforma do tránsito de autobuses e peóns nesa contorna.
Segundo explicou Ignacio Mestre, os traballos realizados durante os últimos meses do pasado ano xa se elaborou un deseño definido e está prevista a remodelación completa da estación de autobuses, a creación dun vínculo peonil a través dunha pasarela entre ambas as estacións e un novo acceso á estación de autobuses sobre o río Gafos a través da rúa Josefina Arruti.
A Xunta sinala que tamén se poñerá en valor a contorna do río Gafos con este proxecto.
A Xunta conta cos fondos necesarios, indicou o director xeral de Mobilidade, grazas á xestión realizada ante a Unión Europea. A administración autonómica asumirá máis de 4 millóns de euros mentres que o Concello sumará ao redor dun millón
O próximo paso será a firma dun novo convenio co Concello, ao que xa se remitiu un borrador, para concretar o proceso das obras e ratificar os compromisos asumidos. Mestre explicou tamén que se manteñen reunións periódicas cos responsables de Adif co obxectivo de coordinar a conexión peonil coa estación de trens.