A Xunta completo o arranxo das humidades que afectaban á igrexa de Campelo

Poio
30 de decembro 2022

O conselleiro Román Rodríguez visitou este xoves o templo para comprobar se os problemas de filtracións de auga quedaron resoltos

O conselleiro Román Rodríguez visitou a igrexa de Campelo

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobou esta tarde de xoves o resultado dos traballos de mellora realizados polo seu departamento na igrexa de Campelo, en Poio. Cun investimento de 17.000 euros, as actuacións tiveron por obxectivo solucionar a filtración de auga polo tellado.

Para iso, limpouse a cuberta e repuxéronse as tellas, reparouse o chapado do campanario e arranxáronse as humidades no teito, tribuna do campanario, columnas interiores e fiestra do altar. A actuación realizouse nos meses de verán e está xa rematada.

A igrexa de Campelo é unha construción moderna de planta rectangular e fachada con gran arco cego baixo o cal hai un pequeno rosetón e un baixorrelevo de tema relixioso baseado na Virxe de Fátima. No alto, superado por unha gran cruz de pedra, flanqueada por dous sinos, presenta outro arco e, na cabeceira un segundo rosetón, réplica do da fachada.