A Xunta autoriza o acordo coa Comunidade de Montes de Mourente para regularizar a situación do Hospital Montecelo

Pontevedra
27 de xullo 2022

A Xunta autorizou na reunión do Consello celebrada este mércores o acordo de cesión entre o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourente para a ocupación de uso de espazos con destino ao Hospital Montecelo

Hospital de Montecelo Mónica Patxot

A Xunta autorizou na reunión do Consello celebrada este mércores o acordo de cesión entre o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourente para a ocupación de uso de espazos con destino ao Hospital Montecelo. 

En virtude do acordo, a Mancomunidade de Montes de Mourente cede con carácter indefinido ao Sergas o uso dos terreos actualmente ocupados polo hospital, o que supón a regularización da situación das instalacións do complexo sanitario, logo de que unha sentenza xudicial recoñecera á comunidade como titular deste chan.

Ante esta situación a Xunta negociou con esta entidade un acordo de cesión. Deste xeito, a administración autonómica aboará un canon anual por importe de 23.583 euros á Comunidade de Montes de Mourente para "salvagardar a prestación sanitaria nas instalacións actuais e garantir o mantemento do uso dos terreos actualmente ocupados polas instalacións do Hospital Montecelo". 

O acordo tamén garante a continuidade dos servizos asistenciais e as instalacións anexas.

O Sergas poderá realizar nestes terreos todas as instalacións, construccións, edificacións e melloras vinculadas ao destino da parcela que sexan necesarias para a atención sanitaria da poboación da súa área, o que supón o mantemento da atención sanitaria á poboación que se ven prestando ata o momento. 

Polo tanto, a poboación da área sanitaria non se verá afectada polo recoñecemento da titularidade dos terreos a prol da Comunidade de Montes Veciñais xa que o acordo mantén a plena dispoñibilidade por parte do Sergas, e seguen vixentes os proxectos de mellora e desenvolvemento da asistencia sanitaria da área.