A Xunta autoriza expropiacións para mellorar o saneamento do río Lameira

Marín
10 de febreiro 2022

A actuación suporá un investimento global de 3,6 millóns de euros e ten como dobre obxectivo reducir a incorporación de caudais de auga non residual á rede de saneamento na zona baixa  do casco urbano e regular o sistema da conca do río en tempo de chuvia

Os concelleiros observan o inicio da limpeza do río Lameira Concello de Marín

O Consello da Xunta autorizou este xoves o decreto de utilidade pública polo que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar as obras de mellora na rede de saneamento do río Lameira, no concello de Marín.

As actuacións proxectadas polo Goberno galego suporán un investimento global de 3,6 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos terreos necesarios para a súa execución. Para levar a cabo as obras será necesaria a ocupación definitiva de 67 predios, do total de 106 predios afectados pola intervención. As outras 39 parcelas serán ocupadas de xeito temporal, segundo as necesidades da obras.

O dobre obxectivo desta intervención é a redución de caudais de auga non residual que se incorporan á rede de saneamento municipal, para evitar a entrada en carga dos colectores da zona baixa do casco urbano e os frecuentes alivios de augas residuais ao medio, así como a xestión do sistema de saneamento da conca do río Lameira en tempo de chuvia, regulando os caudais enviados cara á depuradora.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, tramitará as expropiacións e licitará as obras nesta primavera, co obxectivo de poder iniciar os traballos a principios do vindeiro ano 2023, cun prazo de execución de 12 meses.

Esta nova intervención da Xunta no municipio pontevedrés enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello de Marín en marzo do pasado ano. O orzamento base de licitación das obras supera os 3,3 millóns de euros e será asumido por Augas de Galicia. O Concello de Marín asumirá o custo das expropiacións, estimado en arredor de 79.000 euros.

As actuacións serán financiadas cos fondos europeos Feder Galicia 2014-2020.

O proxecto deseñado pola entidade hidráulica da Xunta para mellorar a rede de saneamento da zona do río Lameira comprende a substitución do colector interceptor existente, a creación dun depósito de regulación, con desbaste previo, e a remodelación da estación de bombeo de augas residuais do río.

Máis en detalle, as obras inclúen a renovación do colector xeral da contorna do río Lameira nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na estrada PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura. Tamén se acometerán intervencións puntuais na rede para desconectar augas pluviais do sistema de saneamento municipal.

A actuación ten en conta a xestión das augas pluviais do sistema unitario da conca do río Lameira, en tempo de chuvia, polo que se executará un elemento regulador dos caudais enviados augas abaixo que, bombeados en dúas etapas, rematen finalmente na depuradora.

A intervención recolle tamén a mellora da estación de bombeo do río Lameira, situada no punto baixo o sistema de saneamento e que presenta actualmente deficiencias, tanto hidráulicas que orixinan frecuentes alivios ao medio, como de explotación, pola ausencia de equipos para a xestión eficiente.

Ademais, os traballos abranguen a mellora ambiental do río Lameira en toda a súa lonxitude, degradado pola existencia de residuos ou a invasión de maleza. A reparación do leito comprende a construción dun acceso polo bordo exterior da zona de servidume, así como intervencións para eliminar obstáculos, reconstruír muros e retranquear peches.

Estas obras darán servicio a unha poboación de 9.819 habitantes para o ano horizonte 2042

Esta actuación en Marín forma parte das 10 novas intervencións que impulsa a Xunta dentro do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra. Entre as obras identificadas como necesarias, destacan esta actuación na contorna do río Lameira, en Marín; o bombeo de Cocheras, a estrutura de regulación do Burgo, en Pontevedra; ou o novo tanque de tormentas e bombeo na Seca, en Poio.

Estes traballos contan cun investimento de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder, con obras xa en marcha por 32 millóns e as novas proxectadas por máis de 15 millóns.