Dende a Consellería de Política Social informaron a PontevedraViva que "é falso que a Xunta teña decidido pechar o centro de protección Casa da Quintán, nin en xuño nin noutra data".
É a resposta ás traballadoras do Centro de Menores Casa da Quintán que este venres alertaron do "posible peche" deste servizo residencial de Ponte Caldelas, o único en Galicia que atende a menores con problemáticas de saúde mental que por diversas razóns non poden ser coidados polas súas familias de orixe.
Segundo recorda a Consellería, a Casa da Quintán é un centro público da Xunta de Galicia xestionado por unha entidade sociosanitaria, cuxo contrato rematou a finais de decembro de 2023.
Nese momento a Xunta propuxo unha prórroga do contrato dun ano, pero "a petición da propia entidade, estableceuse unha prórroga de 6 meses (que remata a finais de xuño) para analizar a situación do centro nestes 2 primeiros anos de funcionamento de cara a introducir posibles modificacións na contratación". De feito, xa está fixada unha reunión técnica coa entidade para facer este traballo.
Unha vez que a prórroga remate en xuño pódense acordar novas prórrogas, ademais de licitar unha nova contratación, polo que a Consellería de Política Social reitera que "é falso que a conclusión da prórroga supoña o peche do centro, de igual forma que a conclusión do contrato tampouco supuxo en decembro de 2023 o seu peche".
Política Social asegura que "durante este tempo, o centro ten acadado unha alta ocupación pese ao rexeitamento da Administración Local, que de xeito irresponsable criticou a súa apertura estigmatizando aos rapaces con doenzas de saúde mental, cuestión que mesmo foi denunciada pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG)".