A Xunta aproba o proxecto para construír unha glorieta e mellorar a seguridade viaria en Pazos

Pontevedra
04 de outubro 2021

A intervención, que supón un investimento autonómico de preto de 830.000 euros, mellorará a actual intersección en cruz e permitirá diminuír a velocidade nese tramo da vía ao seu paso pola parroquia de Marcón

Zona de Marcón na que se construirá a nova rotonda Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este luns no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de execución de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-542, en Pazos, no concello de Pontevedra.

A actuación nesta vía autonómica ao seu paso pola parroquia de Marcón conta cun investimento de preto de 830.000 euros e recolle actuacións de mellora no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600. 

Con esta publicación dáse por aberto o expediente de información pública e apróbase definitivamente o proxecto de construción deste proxecto.

O obxecto da actuación proxectada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez é mellorar a actual intersección en cruz do punto quilométrico 4+900, reducir o número de xiros á esquerda no tramo entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600 e favorecer unha diminución así da velocidade no tramo. 

A disposición da nova glorieta permitirá a reordenación da actual intersección en cruz. Este tipo de nó está caracterizado porque os tramos que en el conflúen comunícanse a través dun anel no que se establece unha circulación rotatoria arredor dun illote central. Deste xeito, as traxectorias dos vehículos non se cruzan senón que converxen e diverxen, reducindo o número de conflitos.

O proxecto inclúe, ademais, a reordenación do espazo público da vía autonómica entre os tramos 4+480 e 5+040.