A Xunta apoia dezanove plans de internacionalización de empresas de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
28 de abril 2022

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de apoiar 19 plans de internacionalización de sete empresas da cidade de Pontevedra, tres da comarca de Caldas, catro do Salnés e cinco da bisbarra pontevedresa, cun investimento total de 709.651 euros

Visita á firma Quival-Frutos Secos El Nogal Xunta de Galicia

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de apoiar 19 plans de internacionalización de sete empresas da cidade de Pontevedra, tres da comarca de Caldas, catro do Salnés e cinco da bisbarra pontevedresa, cun investimento total de 709.651 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou este xoves do programa de axudas Galicia Exporta Dixital nunha visita á firma Quival-Frutos Secos El Nogal, beneficiaria dunha destas axudas e que se atopa emprazada no polígono industrial da Facha de Campo Lameiro, xunto ao alcalde, Carlos Costa, e outros representantes municipais.

A provincia de Pontevedra pechou 2021 con máis de 12.000 millóns de euros de negocio por todo o mundo e se situa como a sexta provincia española neste ránking.

A empresa Quival-Frutos Secos El Nogal conta cunha nave de 5.000 metros cadrados e dispón dunha capacidade de produción dunhas 4.500 toneladas anuais de froitos secos e deshidratados. Ademais, suma corenta anos de actividade e sostén decenas de postos de traballo.

O seu plan de internacionalización contou cunha achega de 33.600 euros de Galicia Exporta Dixital que está orientado ao impulso da súa estratexia de exportación dixital de produtos gourmet aos Estados Unidos co obxectivo de consolidar as súas vendas e aumentar a súa carteira de clientes para aumentar a súa facturación nun 10%.

Finalmente, o representante autonómico desvelou que a convocatoria 2022 deste programa exportador atópase en fase de resolución e adicará 4,4 millóns de euros a apoiar os plans de internacionalización con achegas de entre 18.000 euros e 100.000 euros.