A Xunta anuncia a licitación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Gran Montecelo

Pontevedra
09 de agosto 2017
Actualizado: 18:52

A Xunta destinará dous millóns de euros a este contrato, ao que se poderán presentar ofertas ata o 12 de setembro

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición deste mércores, a resolución pola que se anuncia a licitación da contratación do servizo de elaboración do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, do anteproxecto para a reforma e ampliación do Hospital de Montecelo, redacción do proxecto básico e de execución e dirección facultativa da fase I da obra de construción do Gran Montecelo.

A Xunta destinará dous millóns de euros a este contrato, ao que se poderán presentar ofertas ata o 12 de setembro. 

O proxecto do Gran Montecelo suporá ampliar o hospital público pontevedrés nunha superficie equivalente a dous hospitais comarcais, en torno a 40.000 metros cadrados na primeira fase. Na segunda fase mellorarase, ademais, a superficie actual.

O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal deberá ser sometido a exposición pública, publicado no DOG e contar cunha memoria ambiental e un informe urbanístico, entre outros trámites, antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta.

Os seguintes pasos cara a consecución do Gran Montecelo serán a redacción do proxecto de execución, a xestión da expropiación dos terreos necesarios e a licitación da obra que, previsiblemente, se comezará no ano 2019, unha vez superados todos os trámites necesarios.

ESTACIÓN INTERMODAL

Outra consellería, a de Infraestruturas e Vivenda, tamén publicou este mércores no DOG a licitación da redacción do proxecto construtivo da adecuación para a intermodalidade do conxunto formado polas actuais terminais de autobús e ferroviaria de Pontevedra.

A presentación das ofertas correspondentes poderá realizarse ao longo dos vindeiros 15 días naturais, contados desde mañá. 

A pasada semana asinouse o convenio entre a Xunta e o Concello e detallouse en que vai a consistir esta actuación, para que Pontevedra dispoña dunha estación intermodal de futuro e adaptada ás necesidades de transporte dos seus cidadáns. 

Arquivado en