O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 600.000 euros nos vindeiros meses no Concello de Portas.
Luis López, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman a Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra, foi recibido na Casa do Concello de Portas polo alcalde, Ricardo Martínez, e por outros membros do goberno local e agradeceu a acollida no municipio para celebrar esta reunión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.
"Tras investir recentemente na mellora de pistas, nas infraestruturas enerxéticas, o centro de día e a escola infantil, xa traballamos en catro actuacións máis", dixo Luis López.
Trátase da reforma da depuradora de Ponte Chaín, o acondicionamento exterior e dotación de servizos no albergue de peregrinos, a execución do Plan de Infraestruturas Rurais na parroquia de Portas ou os avances na concentración parcelaria de Briallos, pendente da toma de posesión provisional dos predios resultantes.
Na xuntanza analizouse a axeitada finalización da pista deportiva de Mondoiro, a mellora de pistas en Cachada, Almirante e Tras do Río co Plan Marco, as instalacións de enerxía fotovoltaica, o punto de carga de vehículos eléctricos, a posta en marcha do punto limpo móbil e o estado da escola infantil e do centro de día.