O anuncio por parte da Xunta de Galicia dunha liña de axudas para os municipios afectados polos incendios do pasado mes de outubro foi este martes motivo de dura crítica na Deputación de Pontevedra.
A administración autonómica desvelou o luns o investimento dun millón de euros en 41 concellos de toda Galicia afectados polo lume aqueles fatídicos días, unha cantidade destinada a reparar aqueles bens de titularidade municipal que foron danados e que non estaban cubertos polo resto de liñas habilitadas no seu momento.
Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade ou Ponte Caldelas son algúns dos municipios aos que se dirixe esta actuación, para a que a Xunta reclamou o apoio das deputacións, tanto de Ourense como Pontevedra, co obxectivo de que achegasen a outra metade dos 2 millóns de euros previstos nesta relación.
Esta situación indignou á presidenta provincial, Carmela Silva, para quen " é unha risa, unha vergoña" o plan da Xunta, que destinará asegura unicamente 330.000 euros para concellos da provincia.
"A Xunta veu a anunciar limosnas para a provincia de Pontevedra", acusou a dirixente da Deputación para explicar despois que a institución que preside aumentou en 3 millóns de euros a achega ao Plan Concellos para dar resposta ás necesidades dos municipios afectados, modificando as bases deste plan para que se puidesen solicitar fondos "de forma inmediata" tras os incendios.
Ademais Silva mostrou o seu malestar por poñer como exemplo á Deputación de Ourense, de goberno do Partido Popular, cando "manteñen igual que Louzán as obras a dedo" e a administración pontevedresa "multiplica por 10 nalgúns casos" a súa achega aos concellos.