A Xunta analiza un posible impacto dos incendios nos bancos marisqueiros

Pontevedra
18 de outubro 2017

O goberno galego identificará xunto co sector as zonas afectadas polos incendios forestais que poidan supor un risco para os bancos marisqueiros

Mariscadoras de Poio | ARQUIVO PontevedraViva

O goberno galego identificará xunto co sector as zonas afectadas polos incendios forestais que poidan supor un risco para os bancos marisqueiros.

Para iso, a Consellería do Mar, que mantén en alerta de activación xa desde o domingo ao servizo de Gardacostas de Galicia, xa enviou ás confrarías unha comunicación na que lles solicita que remitan antes deste venres un listado de zonas susceptibles de afectación dos seus bancos marisqueiros próximos a zonas de monte afectadas pola vaga de lumes ocorrida a pasada fin de semana.

Esta solicitude vén a completar o traballo que se vén desenvolvendo coordinadamente entre diferentes consellerías para evitar a afectación nos bancos marisqueiros como consecuencia da conxunción dos incendios cos episodios de choivas.

O obxectivo é facer un traballo conxunto de avaliación das zonas incendiadas nas que se estime que poderían producirse desprendementos e corrementos de terra ou alteración dos cursos fluviais que puidesen influír nos bancos marisqueiros. Unha vez rematadas de avaliar, a Xunta valorará posibles actuacións sobre eses terreos para evitar posibles afectacións sobre o marisqueo. 

Ademais, unha vez se dispoña do cartografado da superficie afectada polos lumes, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), porá en marcha o sistema de información xeográfica para priorizar as actuacións correctoras a aplicar. 

Estes labores enmárcanse dentro da mesa de coordinación de accións post-incedios, convocada pola Consellería do Medio Rural e da que tamén forman parte, ademais de Medio Rural e de Mar, a Consellería de Medio Ambiente e a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Arquivado en