A Xunta afirma que a ley de xestión do ciclo da auga non vai crear novos impostos senon reordenar os xa existentes

Pontevedra
10 de setembro 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade saiu ao paso das afirmacións da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sobre o anteproxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga asegurando que esas declaracións "son rotundamente falsas"

Estación depuradora Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade saiu ao paso das afirmacións da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sobre o anteproxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga asegurando que esas declaracións "son rotundamente falsas". 

Segundo a Consellería o "descoñecemento da norma en tramitación" por parte da mandataria provincial "non xustifica as falsidades manifestadas, que deben ser rectificadas".

Así, manifesta a Xunta que "o proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que está a impulsar a Xunta non supón a creación de ningún novo tributo nin taxa aos cidadáns, nin suba dos xa existentes".

O único que fai o novo texto normativo que está en tramitación, segundo sostén o departamento da conselleira Ethel Vázquez, "é reordenar os tributos xa existentes, cunha denominación máis acorde ao recurso que se está gravando, pero sen crear novas taxas que repercutan nos usuarios. Polo tanto, é rotundamente falso que se creen novos tributos".

En relación aos concellos, dende Infraestruturas e Mobilidade sinalan que a lei concreta o gravame de perdas en rede que xa se estableceu hai 3 anos por lei, pola Lei de garantía do abastecemento para gravar a aqueles municipios que teñan perdas de augas por unha mala xestión das súas redes, atendendo aos principios de eficiencia e sustentabilidade que debe rexer a xestión de todas as administracións públicas, tendo en conta o contexto de cambio climático no que estamos inmersos. 

"A Xunta lamenta que a Deputación Provincial de Pontevedra rexeite colaborar e prestar axuda aos concellos, ante as dificultades técnicas e económicas contrastadas que teñen para xestionar axeitadamente os seus servizos de auga municipais", di a Consellería nun comunicado.

"Sorprende, ademais, por insólito, que a Deputación Provincial de Pontevedra renuncie a exercer as competencias que ten legalmente atribuídas na Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, de apoiar aos concellos no desenvolvemento das súas competencias, especialmente aos municipios máis pequenos, de menos de 20.000 habitantes", engade este escrito remitido aos medios de comunicación.

Por último, a Xunta agarda que Carmela Silva "rectifique a súas declaracións, que conteñen graves falsidades, e se sume ao camiño da colaboración e o apoio aos concellos ao que está obrigada por lei".

Insisten dende a Xunta en que "o obxectivo da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga é crear un marco normativo para regular o apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración das augas, creando un novo modelo de xestión, ao que os concellos se poderán adherir de xeito voluntario, para garantir a calidade nos servizos, a eficiencia na explotación das infraestruturas e a viabilidade económica dos sistemas".