A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto de trazado e construción e impacto ambiental da variante de Alba.
Este contrato, cun prazo de execución de 12 meses, foi adxudicado por un importe de case 188.000 euros á empresa Consultora de Ingeniería y Empresa (CIESA) co fin de acadar o proxecto que se prevé licitar o vindeiro ano.
A variante de Alba ten como finalidade servir de conexión entre as estradas Pontevedra-Baión (PO-531) e a N-550 (A Coruña- Tui), funcionando como alternativa á estrada PO-225, que comunica Alba con San Caetano, sen necesidade de entrar no núcleo urbano.
O goberno galego continúa a apostar por esta infraestrutura, para a que se prevé un investimento de 5 millóns de euros, xa que é estratéxica para a vertebración da rede viaria e para a calidade de vida dos veciños. Neste sentido, os orzamentos da Xunta para o ano 2018 recollen unha partida específica para seguir avanzando no impulso desta actuación.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda mantivo diversas xuntanzas cos veciños das parroquias afectadas para definir o trazado da cariante.
O obxectivo é acadar o máximo nivel de consenso, de forma que as consideracións formuladas polos veciños sexan atendidas na medida do posible.