A Xunta aclara a normativa para as praias: Sen máscara só na toalla e ao bañarse

Pontevedra
18 de marzo 2021

A nova normativa autonómica, que entrará en vigor este venres 19 de marzo e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia, recolle entre outros aspectos como será a partir de agora o uso das praias, ante a previsión de asistencia aos areais durante a ponte de San Xosé e pensando tamén na Semana Santa

Praias de Marín tras o levantamento de parte das restricións sanitarias
Praias de Marín tras o levantamento de parte das restricións sanitarias /

A Xunta aclarou nunha edición especial do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada a última hora do mércores a normativa que rexerá a partir deste 19 de marzo na comunidade en relación á prevención contra a covid.

Nela ademais de confirmar o anunciado previamente polo presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo, como a ampliación de horarios e aforos na hostalería ou a prohibición de reunións de non conviventes en domicilios privados, destaca a aclaración das medidas que se establecen para o uso das praias, ante a previsión asistencia aos areais durante a ponte de San Xosé e pensando xa na próxima Semana Santa.

"A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estancia das piscinas e praias levará a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de seis persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación", explica o texto do DOG.

Ademais "exceptúase o uso da máscara durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias", sinala a normativa.

Por último a Xunta insta os concellos a deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias a fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios.