A Xunta abrirá unha oficina en Ponte Caldelas para atender os afectados polos incendios

Ponte Caldelas
09 de novembro 2017

A oficina autonómica, que xa ten espazo asignado dentro da sede municipal, comezará por revisar a documentación previa recollida polo Concello, cun formulario cos datos identificativos do solicitante e fotografías dos danos padecidos

Xuntanza do alcalde de Ponte Caldelas co delegado da Xunta Xunta de Galicia

A partir do próximo luns estará operativa, atendida por un funcionario autonómico, a oficina que abrirá a Xunta de Galicia en Ponte Caldelas para a tramitación directa das subvencións para os damnificados polos incendios.

Así llo comunicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

A oficina autonómica, que xa ten espazo asignado dentro da sede municipal, comezará por revisar a documentación previa recollida polo Concello, cun formulario cos datos identificativos do solicitante e fotografías dos danos padecidos.

A partir de aí, serán citados un a un para estudar o seu caso concreto. Unha casuística, adianta o alcalde, que é moi heteroxénea "porque a realidade galega, especialmente a das persoas máis humildes, moitas delas atendidas polos servizos sociais, encaixa dificilmente nos requisitos burocráticos".

Entre as demandas transmitidas ao concello por particulares e pequenas empresas e explotacións se atopan danos en traídas de auga, destrución de tractores, galpóns, plantacións particulares, material diverso, hórreos e peches, ao que hai que sumar o xa anticipado polo concello para o arranxo de iluminación municipal danada, valados, contedores e gasóleo.

Con todo, o alcalde lamentou que a Xunta só prevea 1,5 millóns de euros para compensar aos concellos polos gastos asumidos. Ponte Caldelas xa enviou unha listaxe á Fegamp á que a Xunta encomendou a coordinación na recollida destes datos. A listaxe de danos está pendente de valoración, dado que o alcalde explica que é imposible realizala en tan pouco tempo.

Ademais, Ponte Caldelas quéixase de que esa compensación chegue a través de convenios, unha vía excepcional e na que a Xunta "non ten amosado, ata o de agora, moita imparcialidade política no reparto dos fondos públicos". No seu lugar defende a creación dunha liña tradicional de subvencións á que os concellos presenten as súas solicitudes en base a criterios taxados.

Cores Tourís, en todo caso, resumiu que a orde da Xunta suma máis de 11 millóns de euros, que se distribúen entre indemnizacións paras as vítimas e as súas familias, axudas para rehabilitar vivendas e pagar alugueiros, para rexenerar a natureza, as explotacións agrarias e gandeiras, para recuperar tecores, reparar a rede viaria ou apoiar aos concellos.

Ademais, a este investimento hai que sumar os outros preto de 10 millóns de euros que o goberno galego destinará a actuacións directas para reparar danos de competencia autonómica.

NOVA ENTREGA DE FORRAXE

As doazóns de forraxe co que substituír o que se perdeu durante os incendios, pola súa banda, continúan a chegar. Ao reparto das 63 toneladas realizado a semana pasada súmanse outras 70 toneladas, que chegarán nos próximos días.

As persoas interesadas en recibir alimento para os seus animais deben dirixirse inmediatamente ao Concello para dar os seus datos, así como número de cabezas e tipo de gando, con vistas á organización do reparto.

A asociación de gandeiros de Lugo (Agromuralla) volve enviar dous camións cargados cunhas 50 toneladas de herba verde asilada, a cooperativa leiteira Prolega, con base en Ferrol, volve mandar un camión con outras 16 toneladas de herba seca en pacas e rolos. A estes dous doantes súmanse uns particulares da Pastoriza (Lugo) que chamaron para anunciar o envío doutro camión con herba seca e asilada.