A Xunta abre o prazo para que as asociacións poidan solicitar locais no edificio de Benito Corbal

Pontevedra
21 de xaneiro 2019

As asociacións e entidades que desexen dispoñer dalgún dos locais deberán presentar solicitude dirixida á xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Traballos na fachada do antigo edificio da Xunta en Benito Corbal PontevedraViva

O Diario Oficial de Galicia publica este luns as bases e a convocatoria para a ocupación, para usos sociais, culturais e sanitarios, dos locais destinados ás asociacións e entidades no edificio administrativo da Xunta de Benito Corbal.

Segundo o establecido, a Xunta pón a disposición das entidades e asociacións sen ánimo de lucro pontevedresas, as plantas terceira e cuarta do edificio, que contan con oficinas e locais que poderán ser destinados a usos sociais, culturais ou sanitarios. Esta autorización terá carácter gratuíto e as asociacións e entidades sen ánimo de lucro autorizadas para o uso dos locais só deberán facerse cargo da subministración eléctrica. O prazo máximo de duración das autorizacións de uso será de catro anos.

A superficie total que abranguen os dous andares está dividida en locais de dous tipos, 22 locais tipo A, 20-27 metros cadrados aproximadamente de superficie; e 4 locais tipo B, con 40 metros cadrados aproximadamente de superficie. Un mesmo solicitante poderá ser beneficiario de máis dun local. Os locais autorizados a cada entidade entregaranse diáfanos e exclusivamente con instalacións de climatización, alumeado e tomas de corrente.

As asociacións e entidades que desexen dispoñer dalgún dos locais deberán presentar solicitude dirixida á xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 21 de marzo.

BENEFICIARIOS

As asociacións e entidades sen ánimo de lucro poderán presentar solicitudes de xeito individual ou de maneira conxunta mediante a súa agrupación. Poderán ser beneficiarios aquelas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan domicilio no concello de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa comarca; tamén se admitirán aquelas que acrediten realizar a meirande parte da súa actividade no municipio de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra.