A xestión da piscina de Marín, a concurso por cinco anos e dous millóns de euros

Marín
12 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O novo contrato será para explotar a infraestrutura deportiva durante cinco anos, sen prórroga posible e por un custo total de 2.060.521,10 euros, correspondéndose máis do 85% da contía co gasto de todo o persoal, ao que se subrogará

Piscina municipal de Marín Concello de Marín

A nova xestión da piscina municipal de Marín foi un dos principais asuntos que se trataron no pleno que a corporación celebrou este xoves. Nesta sesión, aprobáronse os pregos para iniciar o proceso de contratación da compañía que xestionará estas renovadas instalacións.

Esta licitación impúlsase agora, unha vez rematou o contrato coa actual concesionaria, Soom Management, á que se lle prorrogará forzosamente a xestión do servizo mentres dura o camiño burocrático que precede á chegada da nova empresa. 

O novo contrato será para explotar a infraestrutura deportiva durante cinco anos, sen prórroga posible e por un custo total de 2.060.521,10 euros, correspondéndose máis do 85% da contía co gasto de todo o persoal, ao que se subrogará. 

O edil de Deportes, Antonio Traba, recoñeceu que se trata dun investimento "moi elevado", ya que o Concello asume integramente o custo, "pero consideramos que é un servizo deportivo e de saúde esencial para a nosa veciñanza e por iso seguiremos apostando polo seu mellor funcionamento posible".

O contrato supón a xestión integral do centro deportivo, incluíndo labores de limpeza, conservación, mantemento, atención e información ao público, control de acceso das persoas usuarias, salvamento acuático e socorrismo, cursos e programas deportivos, vixilancia e control e promoción do servizo para captar novos usuarios.

Entre algunhas das obrigas que se recollen no prego de prescricións técnicas, destacan a de limpar e desinfectar diariamente a instalación, realizar o control hixiénico sanitario da auga do vaso da piscina dúas veces ao día ou o mantemento xeral da electricidade, pintura, albanelería, fontanería e carpintaría.

En canto ás actividades ofertadas, será obrigatorio impartir cursos de natación e outras disciplinas deportivas e de ocio.

Así, de forma mínima, obrigarase á futura concesionaria a ofrecer ás persoas usuarias: GAP, ximnasia de mantemento, pilates, full body, abdominais, step, ciclo, HIT, circuíto, tonificación, funcional KIDS, zumba, zumba kids, hipopresivos, ioga, ioga infantil, streching, aquagym e aquatonic. Todas con frecuencias semanais, máis ou menos elevadas. 

O horario de apertura da instalación será de luns a venres, de 07:00 a 13:30 horas e de 16:15 a 23:00 horas; os sábados de 09:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas e os domingos de 10:00 a 13:00 horas.