A xerencia dos hospitais de Pontevedra confirma o peche de 80 camas durante dous meses

Pontevedra
10 de maio 2018

Os datos foron expostos na xuntanza entre a xerencia e a Xunta de Persoal que se celebraba durante este xoves. Malia esta información, a xerencia indica que manterá activas o 89,3% das camas de hospitalización da área sanitaria

José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés Mónica Patxot

No próximo mes de xuño pecharanse nove camas na unidade de lactantes. Durante a primeira quincena de xullo, a medida aplicarase en 52 camas, entre Lactantes, Medicina Interna III e Pneumoloxía. A cifra máis elevada de peche rexistrarase desde a segunda quincena de xullo ata o 15 de setembro afectando a 80 camas, entre as anteriores unidades e Traumatoloxía.

Na segunda quincena de setembro, o peche afectará a 52 camas, entre Lactantes, Medicina Interna 3 e Neumo. Outubro será un mes de incerteza porque a decisión dependerá de maneira total da demanda ocupacional, segundo a información que a xerencia dos hospitais públicos de Pontevedra trasladou á Xunta de Persoal durante este xoves.

O encontro chegaba precedido de concentracións e un peche no Hospital Provincial por parte dos representantes dos traballadores. Segundo a información facilitada pola Xunta de Persoal, a inicial negativa por parte da xerencia para ofrecer os datos das camas que se ían a pechar durante o período estival provocou que os delegados sindicais abandonasen o encontro, salvo as representantes de Prosagal. Finalmente, a reunión puido continuar cos datos xa sobre a mesa. Desde a dirección dos hospitais comprométense a dar información sobre como se recolocará o persoal durante este verán. 

A Xunta de Persoal mantén a súa postura contraria a este peche de camas e convocará unha reunión extraordinaria para decidir se adoptan novas medidas de presión.

A XERENCIA GARANTE A DISPOÑIBILIDADE DAS CAMAS

A xerencia dos hospitais apunta a que a pesar destas medidas, o 100% das camas estarán dispoñibles en todo momento. Desta forma, quere garantir que se poderán utilizar no caso de que se produza unha situación extraordinaria.

Segundo expoñen desde a dirección hospitalaria, o Sergas planifica este peche atendendo á ocupación prevista de camas durante o verán. Indica que se manterán operativos o 89,3% dos recursos asistenciais desde xuño a outubro e afirma que estará activo un 16,1% máis de recursos dos que se estima que van ser precisos.

Sinalan que o nivel de ocupación de camas rexistrado o verán de 2017 chegou ao 72,8% no Complexo Hospitalario de Pontevedra e un 64,9% no Hospital do Salnés. O ano pasado quedaron sen ser utilizadas entre 150 e 180 camas nos centros hospitalarios de Pontevedra, indica o Sergas.

A xerencia destaca que actualmente un volume importante das intervencións cirúrxicas son ambulatorias e non requiren ingreso. En todo caso, a dirección da área sanitaria engade que deseñaron un plan de continxencia específico a través do que se dotará de persoal en menos de dúas horas as camas que foran precisas no caso de que o nivel de ocupación supere o 90%.