A Xerencia da área sanitaria insiste na dispoñibilidade do 100% das camas hospitalarias durante o verán

Pontevedra
04 de xullo 2022
Actualizado: 21:06

Segundo explican desde o equipo directivo, están a adaptar as decisións en función das necesidades e circunstancias variables de cada momento tanto no eido da Atención Primaria coma na atención hospitalaria coa intención de "dar continuidade asistencial global". Responden así ás denuncias sobre incrementos de actividade asistencial sinalando que os hospitais dos distritos de Pontevedra e O Salnés asumen gradualmente os ingresos de novos pacientes

José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria, no Hospital do Salnés co delegado territorial da Xunta, Luis López Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia - Arquivo

As denuncias sindicais sobre os incrementos da actividade asistencial e de pacientes que requiren ingreso hospitalario alertando de situacións de "colapso" provocaron que a Xerencia da área sanitaria emitira un comunicado para sinalar que, coa tramitación das altas médicas de cada xornada, os hospitais dos distritos de Pontevedra e O Salnés asumen gradualmente os ingresos de novos pacientes, "garantindo desta forma a atención sanitaria de continuidade e sempre con funcionamento en rede".

A xerencia que lidera José Ramón Gómez indica que o funcionamento en rede de todos os recursos asistenciais da área permite asumir con garantías os ciclos de presión asistencial que son habituais nesta época de verán, tanto no marco da Atención Primaria como na atención hospitalaria.

Explican que en función das necesidades e circunstancias variables adóptanse decisións nos centros sanitarios que garantan a "continuidade asistencial global". Nesta mesma liña argumental, os responsables sanitarios afirman que durante o verán mantense a dispoñibilidade do 100% das camas nos seus respectivos hospitais para dar resposta a calquera necesidade. Afirman que o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para a etapa estival prevé a utilización dun 89% das súas camas de hospitalización.

A dirección da área alega que se responde á demanda de maneira gradual e en rede, a pesar dos aumentos da presión asistencial condicionada pola covid e pola avanzada idade de moitos dos pacientes, que requiren na actualidade un maior tempo de permanencia nos hospitais. Explican tamén que esas situacións de presión prodúcense nos procesos que requiren unha posterior hospitalización e "non se dan tanto nas áreas de Urxencias dos hospitais Montecelo e O Salnés, onde se atenden as patoloxías en tempo e modo adecuados, en función da súa gravidade".