A voz do Hefesto xa está nas ondas

Pontevedra
01 de xullo 2015

O programa Hefesto 2015 comeza a ter as súas primeiras experiencias públicas, logo de traballar longamente nas oficinas e despachos para preparar unha nova edición deste programa de inclusión social. Este ano céntrase no eido dos medios de comunicación colándose nas emisoras, redaccións, aulas de facultade e redes sociais coa fin de que se escoiten as súas voces

Equipo de radio do programa Hefesto 2015 Concello de Pontevedra

O programa Hefesto 2015 comeza a ter as súas primeiras experiencias públicas, logo de traballar longamente nas oficinas e despachos para preparar unha nova edición deste programa de inclusión social. Este ano céntrase no eido dos medios de comunicación colándose nas emisoras, redaccións, aulas de facultade e redes sociais coa fin de que se escoiten as súas voces.

Hefesto 2015 é un proxecto moi ambicioso e peta nas portas dos medios de comunicación para pedirnos que prestemos a nosa experiencia ao proxecto para que o programa de este ano sexa un dos máis importantes pola súa difusión.

Nesta edición participa PontevedraViva, xunto con outros medios de comunicación da cidade como Diario de Pontevedra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo e as emisoras que teñen en Pontevedra as cadeas SER, Onda Cero e COPE. Tamén se sumou a Facultade de Ciencias Sociais, a través do grao de Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra.

Todos xuntos estamos a traballar formando un equipo inclusivo, exemplo do modelo de cidade onde Pontevedra axuda á discapacidade a ocupar o seu posto real e activo.

O equipo de radio gravou a pasada semana en Radio Pontevedra os ‘jingles’ que se emitirán ao longo do mes Hefesto, o mes de outubro. Están tamén a traballar con outras radios locais en outras colocacións que se darán a coñecer ao longo do mes Hefesto.

Paralelamente, o equipo de Redes Sociais colgará mañá no seu Facebook a primeira entrevista a un "VIP" da cidade que se someterá a unha pequena broma inclusiva. O Hefesto tratará de ir "hefestizando" a calquera famoso da nosa cidade.

Este programa está apoiado polas entidades pontevedresas que traballan pola discapacidade, entre outros, Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Juan XXIII, Alba Amencer-Aspace ou a asociación de xordos Pontevedra Río Lérez.