A vixésima Feira Franca incluirá actividades no río Lérez

Pontevedra
03 de setembro 2018

A Feira Franca de 2019 será "especial", segundo avanzou a concelleira de Festas, Carme da Silva. Celebrarase o vixésimo aniversario da festa medieval de Pontevedra e o Concello traballa para que esta edición sexa inesquecible

Carme da Silva Paula Sanmartín

A Feira Franca de 2019 será "especial", segundo avanzou a concelleira de Festas, Carme da Silva. Celebrarase o vixésimo aniversario da festa medieval de Pontevedra e o Concello traballa para que esta edición sexa inesquecible.

Non se ampliará o espazo que se destina a esta festa, pero si haberá novidades en canto ás actividades que se incluirán no programa. Así, o goberno municipal estuda varias opcións e unha delas ten como protagonista o río Lérez.

"Para estes vinte anos poremos algo no río", desvelou a edil do BNG, que prometeu que esta será tan só unha das "ideas especiais" coas que se conmemorará a efemérides da Feira Franca, declarada festa de interese turístico de Galicia.

Da Silva explicou que o comportamento dos asistentes á última Feira Franca foi "extraordinario", cun ambiente "magnífico" e na que os servizos de emerxencia só tiveron que atender incidentes "menores".

Esta festa puxo o broche de ouro a unhas Festas de Verán que, desde o festival Surfing the Lérez, supuxeron 78 días de actividades "practicamente continuadas" e que contaron cunha "boa acollida" entre o público.

En todo ese tempo celebráronse 301 actividades, das cales 57 foron concertos musicais "de todo tipo". Para elas contratáronse un total de 187 empresas, un 96% de Pontevedra. A maioría das contratacións foráneas foron contratos artísticos. Ademais, houbo "moita colaboración", segundo Da Silva, co tecido asociativo e empresarial da cidade.

Pontevedra foi, ao longo do verán, un " exemplo" de como unha cidade pode acoller unha "intensa" oferta lúdica e cultural "sen que pase nada malo", concluíu a responsable de Festas no seu balance.

Arquivado en