A viúva do falecido no crime de Ponte Caldelas, ante unha dobre investigación por asasinato e omisión do deber de socorro

Pontevedra
06 de marzo 2018
Actualizado: 18:49

Sandra Martínez Araújo compareceu este martes no xulgado por primeira vez en calidade de investigada. Na comparecencia, a familia do falecido pediu que se lle atribúan dous delitos e o fiscal e a maxistrada non concretaron. O próximo 14 de marzo volverá ante a xuíza instrutora para prestar declaración 

Sandra Martínez Araújo, á súa chegada ao xulgado Mónica Patxot

Sandra Martínez Araújo, viúva de Manuel Ángel Rivas, vítima do coñecido como crime de Ponte Caldelas, compareceu este martes no xulgado por primeira vez en calidade de investigada. Xa declarara como testemuña, pero agora volveu xa como sospeitosa de ter algunha implicación nos feitos. Na comparecencia, a familia do falecido pediu que se lle atribúan dous delitos: asasinato e omisión do deber de socorro. 

O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra citouna este martes tras un recente auto da Audiencia Provincial de Pontevedra que acordou ampliar a investigación do crime e que tamén se debería tomar declaración en calidade de investigada a Sandra Martínez. Ata agora tan só estaba investigado Marcos Vidal González, que xa en novembro de 2015 confesou ser o autor material da morte a puñaladas de Manuel Rivas e está prisión preventiva por estes feitos. 

A comparecencia estaba programada para concretar que imputación en concreto se fai a Sandra, pois a Audiencia tan só ordenou que se lle investigue, pero sen concretar por que. O avogado da familia do falecido, Andrés Malvar, que foi quen promoveu a investigación da muller, pediu que sexan o mesmo delito que Marcos e tamén o de omisión do deber de socorro, mentres que o fiscal decidiu que non concretaría neste momento, senón que esperará a que a muller declare e se practiquen as novas probas antes de facelo

O seguinte paso a dar neste caso, nos próximos días, será que a xuíza instrutora dite un auto coa súa decisión sobre que delito ou delitos atribúelle e logo chegará tamén a declaración da propia investigada.

A vista celebrada no edificio xudicial da Parda podería implicar tamén a declaración da muller, xa como investigada e concretados os delitos, pero a maxistrada instrutora decidiu volver citala o vindeiro mércores 14 de marzo. Desta forma, dálle tempo ao seu avogado para preparar a defensa e a declaración en base aos delitos que se lle atribúen e ás novas probas que pediron as outras partes. 

Sandra Martínez estaba citada ás 10.30 horas deste martes, pero chegou á Audiencia con moita antelación, ás 9.50 da mañá. Fíxoo pola porta principal e acompañada por achegados e rexeitou atender os medios de comunicación que esperaban ás portas dos xulgados para informar sobre a actualidade do caso. Permaneceu dentro ata pasadas as 11.35 horas e, nesta ocasión, abandonou o edificio xudicial pola porta traseira

Durante esa breve comparecencia dunha hora, o avogado defensor de Sandra Martínez, Rafael Abel Fernández, achegou como probas diversa documentación, pero non transcendeu o contido da mesma. Os avogados da familia de Manuel Rivas e do outro investigado tamén aproveitaron para pedir novas probas e agora será a xuíza a que decida se as acepta ou non.

O avogado da familia do falecido deu a coñecer que pediu de novo á xuíza que practique dilixencias que lle negou no pasado. Trátase da triangulación dos móbiles dos dous investigados, Sandra e Marcos, para saber onde estaba cada un no día e á hora do crime e tamén que se analice o contido do teléfono móbil da muller e que se amplíen informes que xa están no sumario.

"La clave para nosotros son los teléfonos y que se sepan las conversaciones y llamadas de teléfono que hubo", explicou. A muller achegou o seu teléfono móbil para que se realice o envorcado de datos, pero a análise por parte da Garda Civil aínda podería tardar tempo, no caso de que a xuíza o acepte como proba.

O sumario xudicial xa inclúe un completo informe da Garda Civil sobre o contido dos teléfonos móbiles do falecido e do homicidia confeso, pero non se investigou nada relativo a Sandra. 

O avogado defensor do homicida confeso, Diego Reboredo, non puido pedir a investigación da muller por ningún delito en concreto, pois non ten lexitimación para iso dada a súa situación procesual. Á súa saída do xulgado si avanzou que aproveitará que a instrución da causa se prorrogou para solicitar un informe de parte sobre a imputabilidade do seu cliente a efectos de detectar posibles alteracións mentais que poidan afectar a súa culpabilidade.

O xulgado xa ten un informe forense realizado polo Imelga que non foi favorable para a defensa, pois "dí que Marcos está perfectamente", que no momento dos feitos estaba "nas súas plenas facultades mentais", pero a súa defensa non está "en absoluto de acordo", por iso é polo que agora barallan pedir que un psiquiatra ou psicólogo se traslade ata o centro penal de Teixeiro, onde está Marcos Vidal, para que realice un informe paralelo.