A visita máis emotiva de Felipe VI a Marín: dez anos como rei e, por vez primeira coa súa filla Leonor

Marín
16 de xullo 2024

O rei Felipe VI presidiu este martes a entrega de reais despachos aos novos oficiais da Armada na Escola Naval de Marín, o centro no que a súa filla, a princesa Leonor, continuará a súa formación militar a partir do próximo mes de agosto

Felipe VI preside a entrega de reais despachos aos novos oficiais da Armada na Escola Naval de Marín Mónica Patxot

O rei Felipe VI presidiu este martes a entrega de reais despachos aos novos oficiais da Armada na Escola Naval de Marín, o centro no que a súa filla, a princesa Leonor, continuará a súa formación militar a partir do próximo mes de agosto.

O monarca estivo acompañado pola súa esposa, a raíña Letizia, e pola herdeira ao trono, na que foi a súa primeira visita a estas instalacións, nas que tamén se formaron o seu pai e o seu avó e nas que residirá, en principio, ata xaneiro de 2025.

Á súa chegada á chaira da Escola Naval, Felipe VI, que se decantou este ano por vestir o uniforme branco de gala da Armada, foi recibido pola ministra de Defensa, Margarita Robles, e tras soar o himno español pasaron revista ás tropas.

Mentres tanto, a raíña Letizia, cun traxe azul mariño de punto da firma Carolina Herrera, e a princesa de Asturias, co uniforme de gala do Exército de Terra, coa condecoración da Gran Cruz do Mérito Militar con distintivo branco e o Toisón de Ouro, situáronse á fronte da tribuna de autoridades, desde onde seguiron con atención toda a cerimonia.

O monarca e a súa filla, que sentou á súa dereita, demostraron durante todo o acto a gran complicidade que lles une e, entre chiscadelas e sorrisos, mantiveron breves conversas, case sempre por iniciativa da princesa, que se interesou polo desenvolvemento da xornada.

Neste acto castrense, que durou preto de dúas horas e que se desenvolveu baixo o sol e cuns 22 graos, recibiron os reais despachos un total de 111 novos oficiais da Armada, que completaron a súa formación militar nas instalacións desta escola naval.

Foron, en concreto, 61 oficiais do corpo xeral, 21 oficiais de infantería de mariña, 14 oficiais de intendencia e 15 oficiais enxeñeiros.

Trece dos novos militares de carreira son mulleres e entre todos eles recibiron estas honras un alumno procedente de Perú e outros dez de Arabia Saudita.

Protagonismo especial tiveron os tres alumnos que lograron o número 1 da súa promoción no curso 2023-204, o alférez de fragata Pedro Palacios, e os alférez alumnos Iván Baena e Sergio Lladó, que foron felicitados persoalmente por Felipe VI.

A cerimonia comezou, como é habitual, coa xura de bandeira de 76 aspirantes do corpo xeral e infantería de mariña; e tras a imposición das condecoracións os novos oficiais desfilaron baixo a bandeira española como despedida da Escola Naval.

Na súa intervención, o comandante director do centro, o capitán de navío Pedro Cardona, agradeceu a visita de Felipe VI á Escola Naval, coincidindo co décimo aniversario da súa coroación, "unha década traballando con entusiasmo e dedicación polos españois".

Coa homenaxe aos caídos, a interpretación do himno da Armada e o desfile do batallón de alumnos pechouse este acto, que coincidiu como é tradicional co Día do Carmen, patroa da xente do mar e da Armada española.

Xunto aos reis, a princesa e a ministra de Defensa, ata Marín acudiron o xefe do Estado Maior da Defensa, o almirante xeral Teodoro Esteban López Calderón; ou o almirante xeral xefe de Estado Maior da Armada Antonio Piñeiro Sánchez.

Entre as autoridades civís, pola súa banda, estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; ou a alcaldesa de Marín, María Ramallo.