A Virxe Peregrina quedará no seu camarín por segundo ano consecutivo

Pontevedra
27 de xullo 2021

Do mesmo xeito que o pasado 2020 a Confraría da Divina Peregrina decide non realizar o tradicional traslado en carroza, a procesión do día da patroa da provincia de Pontevedra e limita a ofrenda floral

Santuario da Peregrina Mónica Patxot

Por segundo ano consecutivo a patroa da provincia de Pontevedra, a Virxe Peregrina, non se sacará do camarín do santuario e por tanto suspéndese o traslado da carroza procesional que tradicionalmente se realiza a véspera do segundo domingo de agosto; nin tampouco se celebrará a concorrida procesión dominical. "Polo ben de todos e atendendo ás recomendacións das autoridades, temos que volver adoptar estas medidas" sinala o presidente da Confraría da Divina Peregrina, Ignacio Landín.

Outra das decisións que tamén se aplicará o sábado 7 de agosto afecta á ofrenda floral que non se desenvolverá como era tradicional ata 2019. Se o ano pasado fíxose unha apelación á cidadanía para que non levasen flores ao santuario; nesta ocasión e aínda que non se prevé dita ofrenda floral como tal, "comprendendo que hai quen quere cumprir coas súas promesas á Virxe Peregrina" instalaranse unhas xardineiras no atrio para depositar ramos.

Así, ese sábado 7 ás 13.00 horas realizarase a ofrenda á Virxe que correrá a cargo do doutor Julio Diz Arén, facultativo do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Pola tarde ao 19.00 rezo do Santo Rosario e ás 19.30 horas Solemnes Vésperas e Eucaristía. O propio domingo 8, Día da Peregrina oficiaranse catro Eucaristías; a primeira ás 9.30 horas e tamén ás 19.00 e 21.00 horas. A Misa Pontifical será no seu horario tradicional, ás 12.00 horas e estará presidida polo Arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio. No caso de que - como sucedeu o ano anterior -, non haxa un representante da Deputación Provincial, será o presidente da Confraría quen realice a advocación á patroa de Pontevedra.

Lémbrase que no interior do recinto mantense o aforo limitado á metade da súa capacidade e por iso volveranse a colocar no atrio algúns bancos para os fieis que queiran acudir tanto á ofrenda do sábado como á Misa Pontifical do domingo. A Confraría tamén contará nesta ocasión cunha empresa para garantir a seguridade dentro do santuario e no atrio do mesmo. 

Este vindeiro xoves 29 comezan as novenas en honra á Virxe Peregrina que se prolongarán ata o día 6 de agosto e predicará Frei José Antonio Castiñeira Chouza, Pai gardián do convento de San Francisco de Pontevedra. Serán ás 19.30 horas e media hora antes iniciarase o rezo de Santo Rosario. En todo momento, para acceder ao interior do santuario é de obrigado cumprimento o uso da máscara.