O grupo 'Mulleres Diversas' da asociación Amizade decidiu este ano centrar as súas reivindicacións con motivo do 25N, Día Internacional para a Erradicación da violencia sobre as mulleres, na violencia 'xineco-obstétrica".
Trátase dun tipo de violencia "moi normalizado" tanto pola sociedade como pola sanidade en xeral, que se dá durante o embarazo, parto, postparto, tratamento e control do sistema reprodutor feminino.
Dentro desta loita, sinalan que este ano cobra especial relevancia a reivindicación do dereito á sexualidade e maternidade das mulleres con discapacidade.
'Mulleres Diversas' recalca a necesidade dunha educación sexual básica, posto que nalgúns casos se procede a tratamentos de fertilidade ou toma de medicación sen unha explicación previa do ciclo fértil da muller, por exemplo.
Tamén sinalan que obter unha información accesible e adecuada para a toma de decisións é fundamental. Desde 'Mulleres Diversas' insisten en que a persoa profesional debe saber explicar o diagnóstico ou tratamentos cunha linguaxe accesible e sinxela, asegurándose que a persoa entenda o que se lle explicou, ademais de dirixirse sempre á propia persoa, non á persoa que acompaña.
Tamén piden "non dar por feito que non poderá ser nai pola súa discapacidade" a nivel físico (sen causa médica) ou de coidados, xa que moitas veces este pensamento "xorde dos prexuízos sociais", de supoñer que non se poderá, por dicilo dalgunha maneira, coidar a outra persoa se apenas pode coidarse a si mesma.
Este grupo tamén insiste na necesidade de profesionais con coñecementos da discapacidade, e cunha visión inclusiva da mesma, sen estigmas.