Vestida de noiva cun traxe branco, Uxía Morán iniciaba na tarde deste venres unha performance pola galería que une o espazo do Recinto Feiral coa sala de exposicións. A intérprete portaba unha bandexa con pratos baixo unha música que marcaba o seu percorrido. Nos momentos de maior intensidade sonora, a protagonista derrubábase rompéndose os pratos como consecuencia duns golpes invisibles que recibía.
Decenas de persoas, entre as que se atopaba a presidenta da Deputación Carmela Silva, seguían a historia na que a muller mostraba como sufría agresións sexuais ata rematar bailando sobre os pratos rotos e esparexidos polo chan nunha danza mortuoria. Baixo o título de 'A última cea', Uxía Morán ofrecía a primeira acción artística contra as violencias machistas que a Deputación ten previsto desenvolver dentro da Feira das Industrias Culturais que se celebra entre este venres e o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A proposta reflectía a situación que sufriron as mulleres durante a ditadura franquista entre a represión do réxime e a violencia que se padecía en moitos fogares, vítimas das agresións por parte dos homes e obrigadas a realizar actividades para satisfacelos. Esta proposta inclúese nas actividades de Mulleres en Acción #violenciazero da institución provincial.
A presidenta da Deputación sinalaba, antes da acción artística, que a cultura serve tamén para concienciar e para mobilizar socialmente, ademais de fomentar a sensibilización ante estas situacións de desigualdade.
Toda a programación do Culturgal pódese consultar na páxina web da Feira das Industrias Culturais de Galicia.