A Vida é movernos pecha a súa programación do 2021 cun curso de danza urbana

Pontevedra
17 de novembro 2021

A academia Plié Dance School organiza entre o 26 e o 28 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra un curso de danza dirixido a amantes do baile para recibir clases de profesores e bailaríns de talla internacional

Presentación do curso de danza que organiza Plie Dance School dentro do programa A Vida é Movernos PontevedraViva

O programa municipal de fomento da actividade física entre a poboación pontevedresa, A vida é movernos, concluirá en decembro cun taller de danza urbana promovido pola escola de danza Plié que se celebrará no Pazo da Cultura os días 26, 27 e 28. Navidance Week é o nome dun evento que traerá á cidade do Lérez a profesores de danza e bailaríns de prestixio internacional como Dii Feeling, Carlos Díaz, Albert Sala, Marthe Vangeel, Duki, Evelio, Jana Feeling, Safu, Oriana Meléndez ou Javi Berga.

"É unha oportunidade moi moi boa de telos en Pontevedra", dixo Pilar Torelli, representante de Plié, sobre os invitados que estarán eses días na Boa Vila. A inscrición está aberta e os interesados deben ter máis de 10 anos e un nivel medio alto de danza, posto que as clases estarán deseñadas para persoas xa iniciadas na danza.

Trátase dun programa intensivo con catro clases ao día de hora e media cada unha. Os interesados poden inscribirse por días soltos, a un prezo de 70 euros, ou reservar un bono para os tes días por 150 euros. "É unha oportunidade para que a xente de Galicia non teña que irse fóra para recibir clases de grandes profesionais da danza", remarca Pilar. 

O evento é tamén atractivo para o sector turístico e para os propios invitados, que poderán pasar tres días na capital das Rías baixas en plena época do Nadal.

Con este taller de danza urbana darase por pechado o calendario de actividades do 2021 do programa municipal A Vida é Movernos, que organizou durante todo o ano sesións de ioga, marcha nórdica, risoterapia, control da ansiedade, bodyfullness ou hip- hop. O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, destacou a aceptación e o éxito de público de todos os eventos, que sempre foron novos e co obxectivo de incentivar á cidadanía pontevedresa a realizar algún tipo de actividade física.