A vestirse de loito para celebrar a morte de Ravachol

Pontevedra
17 de febreiro 2018

O velorio de Ravachol comezará na sala mortuoria na Casa da Luz a partir das 18.00 horas e o cortexo fúnebre vai iniciarse ás 21.00 horas polo centro histórico ata rematar coa incineración na praza da Ferrería

Enterro do loro Ravachol en Pontevedra Diego Torrado

O loro Ravachol faleceu. Chegaba o pasado luns de Entroido a Pontevedra vestido con luces para iluminar estas festas, pero nas últimas horas falecía electrocutado. A cidade está chamada a participar nas súas honras fúnebres para amosar a dor e o respeto que o personaxe merece.

Desde as 12.00 horas, a botica de don Perfecto Feijoo, siutada na praza da Peregrina, acolle a actuación de Foula e dos Alegres. Durante a tarde, a partir das 18.00 horas, a praza da Verdura será o escenario no que se desenvolverá o velatorio ao famoso loro. Na Casa da Luz vai instalarse a sala mortuoria. Prégase aos asistentes que acodan vestindo riguroso loito.

A partir das 21.00 horas, o cortexo fúnebre iniciará a súa saída desde a praza da Verdura. O féretro irá acompañado do seu séquito e das comparsas Amoriños de Bora, Os Canecos, Os Paparrulos, Os Solfamidas, Os 100 Tolos, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña.

O percorrido trasladarase polas rúas San Román, Ferrería, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantería e a praza da Ferrería, onde se levará a cabo a incineración despois dun espectáculo necrolóxico.

Vai darse lectura a unha elexía dirixida ao Ravachol, para a continuación ofrecer diferentes intervencións a través de Ilusión Compañía; a agrupación Celme, que realizará a Danza da Morte e os gañadores do concurso de murgas Val do Lérez interpretarán unha saeta, para a continuación queimar os restos do personaxe máis simbólico do Entroido pontevedrés.

Arquivado en