A vendima nas Rías Baixas esta "semiparalizada" pola chuvia. Algúns viticultores seguiron recollendo uva porque nas súas zonas non choveu. As previsións sinalan que ata o xoves non poderá reiniciarse a colleita.
Polo de agora as principais adegas da Denominación de Orixe levan recollida aproximadamente o 50% do total, concretamente en Martín Códax a cantidade de uva recollida alcanza os 1,6 millóns de quilos.
Respecto á calidade da uva, apuntan os técnicos desta adega que a maduración foi "boa" e hai expectativas de que a nova anada teña "unha gran calidade".
Os primeiros traballos iniciáronse nas subzonas do Condado do Tea e do Roseira a mediados do mes setembro, aos que se sumaron nos últimos días as tres restantes: Val do Salnés, Soutomaior e Ribeira do Ulla.
Segundo as previsións que barallan os técnicos das adegas, este ano espérase recoller unha cantidade de uva sensiblemente menor que a campaña pasada, considerada histórica.
Para esta campaña, a Denominación de Orixe Rías Baixas conta con 4.048 hectáreas, 6.714 viticultores e 180 adegas inscritas. A día de hoxe todas as adegas se atopan vendimando, e xa se recolleron 9.263.000 kg.
Como todos os anos, o Consello Regulador remitiu unha carta a todos os viticultores e adegas na que se lles informa das normas de vendima, achegándolles ademais a información das parcelas inscritas ao seu nome. A tarxeta de viticultor, expedida polo Consello Regulador recolle no seu chip toda esta información, e é o único medio aceptado polas adegas para poder admitir uva destinada a elaborar viño con Denominación de Orixe Rías Baixas.
Serve ademais como documento acreditativo de transporte, en caso de que nalgún control a Garda Civil ou a Policía Autonómica solicite a guía ou acta de transporte de uva.