A veciñanza de Soutomaior sae á rúa para esixir máis persoal médico e que se garanta a atención pediátrica no concello

Soutomaior
16 de decembro 2023

O BNG convocou a concentración ante a falta de solucións á situación sanitaria de Soutomaior por parte da Xunta

O BNG convocou a concentración ante a falta de solucións á situación sanitaria de Soutomaior por parte da Xunta BNG de Soutomaior

Numerosos veciños de Soutomaior reuníronse este venres ante o centro de saúde de Arcade na concentración pola sanidade pública convocada polo BNG. 

A veciñanza esixiu solucións á Xunta ante a falta de persoal médico que desde hai anos afecta ao concello e que ten como consecuencia que en moitos casos a veciñanza ten que acudir a Pontevedra para poder ser atendidos, porque a lista de agarda non baixa dos dez días.

A veciñanza tamén esixiu que o centro de saúde volva contar cun servizo de Pediatría. Soutomaior leva máis dun ano sen contar con pediatra, despois de que a anterior facultativa quedase de baixa en novembro de 2022 e a Xunta decidise non cubrir a praza.

A concentración contou coa presenza da deputada do BNG no Parlamento galego Montse Prado, quen sinalou que "a Xunta vive instalada nunha política constante de recortes á sanidade pública que é inadmisible. No caso de Soutomaior, estes recortes son aínda peores, xa que afectan a dous dos colectivos mais vulnerables ante as enfermidades, os maiores e os nenos e nenas". Montse Prado tamén lembrou que o BNG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta de 2024 para esixir ese aumento de persoal no cadro do centro de saúde de Arcade.

Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "no goberno de Soutomaior levamos meses a traballar para que a Xunta dote de máis persoal sanitario o noso concello". En xullo deste ano, o alcalde Manu Lourenzo e a concelleira de Sanidade, Rosana Martínez, mantiveron unha xerencia da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés para demandar melloras na atención sanitaria de Soutomaior. "No goberno de Soutomaior imos estar sempre a carón da nosa veciñanza e imos traballar para que se respecten os seus dereitos e se garanta unha atención sanitaria digna e de calidade en Soutomaior", dixo.