A veciñanza de Corredoira visita a rehabilitación do novo local sociocultural

Cerdedo-Cotobade
09 de abril 2022

O Concello de Cerdedo-Cotobade rescatou para a veciñanza este local que fora incautado durante a ditadura do xeneral Franco

Visita ás obras de rehabilitación do novo local sociocultural de Corredoira Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o tenente de alcalde Fernando Vázquez visitaron en compañía de varios veciños as obras de remate da rehabilitación do que será o novo Centro Sociocultural da parroquia de Corredoira no que se investirán entre obra e equipamento máis de 200.000 euros e que conta co financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O encargado da empresa Eicross Gestión, S.L., adxudicataria do concurso, repasaron os últimos detalles do proceso de rehabilitación levado a cabo no que se acometeu unha actuación en profundidade na vella Casa do Pobo para transformala, conservando a súa esencia histórica, nun moderno, funcional e confortable Centro Sociocultural deseñado pola arquitecta local María García.

A Casa do Pobo de Corredoira foi adquirida polo Concello de Cerdedo-Cotobade ao Ministerio de Emprego por un importe de 25.166 euros para ser posta a disposición dos colectivos e veciños desta parroquia despois de confirmar que esta edificación fora incautada polo franquismo, tras prolongadas negociacións cos responsables ministeriais en Madrid.

As obras transformaron o local nun novo edificio con salón de usos múltiples, un espazo para albergar unha terraza cuberta e acristalada, balcón, cociña, asadeiro e churrasqueira, amplio cuarto de baño de uso convencional e para persoas con problemas de mobilidade e un pequeno almacén.

Entre as melloras ofertadas polo adxudicatario están o subministro dunha estufa de pellets, a colocación de varias contraxanelas, un armario metálico para unidad exterior de clima, varios tipos de revestimentos e acabados, mobiliario e equipamento de cociña, elementos e accesorios para o cuarto de baño.

Cubela explicoulle aos veciños que "con esta obra dase por cumprido o noso compromiso ante a veciñanza, agora tedes que darlle o uso responsable que lle corresponde e seguir dinamizando con esta infraestrutura esta parroquia da que todos nos sentimos orgullosos. Agardo con interese que se celebre a Festa do Requeixo e recuperemos canto antes a nova normalidade, as nosas festas e as nosas tradicións e espero compartir con todos vós durante moitos anos o uso deste novo centro cívico e veciñal", indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.