A veciñanza de Altamira demanda ao Concello limpeza e coidado dos xardíns deste barrio

Pontevedra
04 de setembro 2023

Vai celebrarse unha xuntanza veciñal este xoves 7 de setembro onde se tratará o coidado do barrio, accións reivindicativas, proxecto de humanización e os murais, formalizar e inscribir a asociación veciñal e solicitar unha xuntanza co Concello de Pontevedra

Mural de Miguel Peralta entre San Antoniño e Altamira Mónica Patxot

O colectivo veciñal do barrio de Altamira presentou un escrito no Concello para solicitar unha reunión co goberno local para esixir a limpeza e o coidado dos xardíns deste espazo. Reclaman o coidado periódico destas zonas recoñecidas como públicas.

Ademais, demandan unha limpeza viaria máis frecuente e o control de comportamentos incívicos que requiren unha maior limpeza no barrio ao detectar excrementos de cans, lanzamento de sobras de comida na parte alta das escaleiras da Rúa Villar Ponche, botellas e lixo de grupos novos. Tamén piden unha nova acción para desratizar a rúa e rozar e coidar os xardíns neste mesmo espazo entre os edificios de Altamira e as traseiras da parte superior dos edificios de Fernando Olmedo, lugar que tamén se recoñece como de dominio público de titularidade municipal.

Outra das peticións céntrase na limpeza da rede de sumidoiros dos colectores que baixan cara a Fernando Olmedo, ao entender que afectan nas inundacións. E ademais, solicitan a reposición do arboredo danado ou torcido en San Antoniño. 

No escrito preguntan sobre os proxectos de humanización e o de murais. A veciñanza quere saber cales serán as datas de realización deste proxecto, licitación e adxudicación. O colectivo está en proceso de recoller as autorizacións de diversas comunidades e propietarios para que se executen os murais, como o xa realizado por Miguel Peralta na casa situada entre Altamira e San Antoniño.

Lembran ao Concello os compromisos realizados durante o anterior mandato e inciden na necesidade de poñer en valor esta zona da cidade que contempla tanto Altamira como espazos de San Antoniño, Villar Ponche e Fernando Olmedo.

Este xoves 7 de setembro, a veciñanza manterá un encontro ás 20.30 horas na Rúa Altamira para tratar sobre a situación do barrio, as accións reivindicativas que proxectan, propostas de humanización e formalización e inscrición da asociación veciñal.

O colectivo xa teñen previsto organizar o 11 de novembro con motivo de San Martiño o seu segundo Magosto popular.