A variante de Alba, prioridade para os veciños de Lérez, que reelixen a Miguel Filgueira como presidente

Pontevedra
27 de febreiro 2024

Comeza a traballar durante os próximos catros anos unha directiva que mantén antigos integrantes e que tamén incorpora novos nomes de homes e mulleres e de mozas da parroquia

Miguel Filgueira Cristina Saiz

A nova directiva da asociación de veciños de Lérez quere reactivar un dilatado proxecto como é a variante de Alba. Para iso anuncian que van iniciar conversacións con outros colectivos veciñais da zona norte de Pontevedra para promover conxuntamente xestións coas administracións competentes no proxecto.

Argumentan que a construción da variante é fundamental para as parroquias de Alba, Cerponzóns, Mourente, Verducido, Santa María e San Adrés de Xeve e para Lérez na conexión con Poio, coa estrada de Vilagarcía, co acceso ao centro de saúde de Lérez e tamén con Montecelo. 

Esta foi a primeira das prioridades que a asociación de veciños de Lérez se marca no inicio de xestión da nova directiva que volve presidir Miguel Filgueira.

Acompáñano como vicepresidente, Alberto Abilleira Sanmartín; como tesoureiro Jesús María Filgueira Calvo e vocais, Ignacio Amoedo Rodríguez, Rafael Gómez Moldes,  Eva María Cochón Moledo, Jenny María Rodríguez Varela e Juan David Sobral Fariña.