A valedora do Pobo manterá un encontro coa veciñanza de Marín

Marín
01 de xuño 2017

Milagros Otero Parga visita Marín o próximo martes 6 de xuño, no marco do seu programa de apertura á cidadanía

Milagros Otero, Valedora do Pobo Mónica Patxot

A institución da Valedora do Pobo iniciou o pasado 3 de novembro a segunda fase do seu programa de visitas aos concellos que a levará este martes, 6 de xuño, a Marín.

O programa inclúe unha recepción na Casa do Concello por parte da Alcaldía e un encontro da valedora coa cidadanía no que esta lle pode achegar de xeito presencial as súas queixas. Precisamente a valedora quere invitar aos veciños da localidade a participar na sesión na que lle poderán expor, de primeira man, os problemas que lles afectan e mesmo iniciar a tramitación das súas queixas.

Milagros Otero Parga da continuidade deste xeito ao programa de achegamento á cidadanía posto en marcha tras a súa chegada á institución hai algo máis dun ano. Moitas das queixas presentadas de xeito presencial polas persoas nestes encontros atoparon solucións para os reclamantes dun xeito áxil e satisfactorio.

Este martes 6 de xuño, Milagros Otero Parga manterá un encontro institucional ás 12.00 horas coa alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez. A continuación terá ocasión de coñecer á corporación e falar ante os medios locais.

A xuntanza coa cidadanía celebrarase en horario de 16:30 a 18:00 horas na Biblioteca Municipal, na rúa Ourense. O acceso é libre para todas as persoas interesadas. A actividade permitirá aos veciños expor de xeito directo as súas queixas á valedora e poder analizar con ela as actuais políticas públicas tanto no eido municipal, como autonómico ou estatal.

A valedora quere convidar á cidadanía de Marín a acudir a esta cita. A participación dos veciños é un dos aspectos que enriquece este tipo de actividades. Desde a institución xa se cursaron invitacións ás principais entidades do tecido asociativo da localidade, representantes veciñais, entidades económicas, culturais, deportivas e sociais pero a idea é que calquera persoa que o desexe poida asistir.