A V Xornada Xuntos Avanzamos afondará na escola inclusiva para todos

Pontevedra
05 de decembro 2021

As Xornadas Xuntos Avanzamos, impulsada pola organización Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social, regresará a Pontevedra o vindeiro sábado 11 de decembro co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro)

IV edición da Xornada Xuntos Avanzamos Concello de Pontevedra

As xornadas Xuntos Avanzamos, impulsada pola organización Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social, regresará a Pontevedra o vindeiro sábado 11 de decembro co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro).

A V edición das Xornadas de Diversidade Sensorial comezará ás 9:10 horas co acto oficial de apertura das autoridades e contará con destacados relatores de diferentes ámbitos socio sanitarios.

A charla inaugural será ás 9:30 horas, centrándose na 'Rehabilitación Auditiva Pre e Post Adaptación' (sobre as terapias necesarias antes e despois da colocación dun audífono, implante ou prótese). Estará protagonizada por Marlene Rodríguez Ferreiro, diplomada en Logopedia (UDC), técnica superior en Audiopróteses (CIFP Ánxel Casal) e experta en Audioloxía (USAL).

Despois, ás 10:30 horas, terá lugar unha mesa redonda titulada 'Escola Inclusiva para todos', na que se abordará o caso da Escola Infantil Abelliñas e na que participarán a súa directora, Cristina García, a psicopedagoga Cristina Rubío e a educadora infantil Natalia Souto.

Pasado o descanso, sobre as 11:40 horas comenzará un novo relatorio centrado en 'Xordeira e autismo. Puntos en común', a cargo da psicóloga educativa Cristina Pereira Romero.

Ademais, o congreso autonómico deixará un espazo para o espectáculo, neste caso humorístico con The Maloes Show, unha parella de actores xordos que interpretará situacións cotiás en parella no seu espectáculo 'A vida en parella, o matrimonio'. Está previsto para as 12:30 horas. 

Por outra banda, este ano entregarán o II Premio Xuntos Avanzamos a Andres Caamaño para recoñecer o seu labor a prol da lingua de signos. Tal e como subliñou a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, "este ano teremos o orgullo e honra de poñer en valor o inxente labor de Andrés Caamaño Hermida, unha persoa xorda que estivo toda a súa vida nos diferentes movementos asociativos e institucións, apoiando e conservando a lingua de signos galega". A entrega do galardón pechará o acto ás 13:30 horas. 

O acto celebrarase no Salón de Actos do Pazo da Cultura e será presencial e accesible con entrada de balde ata completar aforo. Ata a medianoite do venres poderá facerse a inscrición.