A Universidade non pecha a porta á presencialidade para os exames finais

Pontevedra
30 de abril 2020

Na sesión ordinaria de Consello de Goberno da Universidade de Vigo celebrada este mércores os seus membros acordaron non desbotar a posibilidade de que os centros poidan realizar exames de segunda oportunidade, ou finais da convocatoria de xullo, de xeito presencial a partir do mes de xuño

Primeiro día dos exames de Selectividade 2013 na facultade de Ciencias Sociais

Na sesión ordinaria de Consello de Goberno da Universidade de Vigo celebrada este mércores os seus membros acordaron non desbotar a posibilidade de que os centros poidan realizar exames de segunda oportunidade, ou finais da convocatoria de xullo, de xeito presencial a partir do mes de xuño.

Acordado que os exames do segundo cuadrimestre sexan non presenciais, foi preciso un longo debate e unha votación, para que se decidise optar, no caso dos exames finais, por deixar aberta unha porta á posibilidade de que os centros poidan solicitar esta modalidade, que será aprobada ou non polo Consello de Goberno. Fronte aos 39 votos que apoiaron a posibilidade de realizar exames presenciais, sempre e cando se cumpran por parte dos centros solicitantes as garantías legais e sanitarias, oito membros do Consello pronunciáronse a favor de rematar o curso sen exames finais presenciais.

CLÁUSULA KENT

Este foi un dos acordos adoptados polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo nunha sesión de sete horas, no que o outro punto da orde do día que máis debate concentrou foi a aprobación dunha versión propia da cláusula Kent, que ten a finalidade de introducir unha "compensación" no caso de detectarse unha diminución significativa nos resultados académicos do alumnado correspondentes ao período de vixencia do estado de alarma e os correspondentes aos cursos anteriores.

Aínda que o Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi) defendía ao inicio do debate o modelo adoptado nas outras dúas universidades galegas, finalmente respaldou a proposta do equipo de goberno e na que se incorporaron achegas formuladas no debate, e que tamén foi aprobada por asentimento polo resto de membros do órgano de goberno.

Non obstante, o voceiro de Ceuvi, Daniel Couto, avanzou a súa intención de trasladar este acordo á Consellería de Educación e mesmo a instancias xudiciais ante a posibilidade de que puidese resultar discriminatorio para o alumnado da institución académica.

CALENDARIO ACADÉMICO

Na sesión celebrada este mércores, de xeito totalmente virtual, tamén se aprobou modificar o calendario académico do presente curso, ampliándoo en dúas semanas para a entrega de actas de xuño e xullo, ao tempo que se acordou que o equipo e goberno consultará a posibilidade de incluír a convocatoria fin de carreira nos estudos de mestrado.

Os membros do Consello tamén deron luz verde ao calendario do vindeiro curso 2020-2021, que comprenderá do 1 de setembro do 2020 ao 31 de agosto 2021, desenvolvéndose a actividade académica entre o 7 de setembro e o 26 de xaneiro de 2021 e do 27 de xaneiro ao 8 de xuño.

A suspensión parcial da normativa de permanencia, para que non se apliquen os artigos 5 e 8, cara ao procedemento de matrícula do vindeiro curso e así "evitar que ninguén perda da posibilidade de seguir os estudos por mor da crise", como dixo o reitor, foi outra cuestión aprobada polo Consello de Goberno.