Por segundo ano consecutivo, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE Pontevedra) impulsan o concurso de ideas de negocio 'Crea Economía Social'.
Ata o 21 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de propostas ás catro categorías dun certame no que se premiarán ideas baseadas nos principios da economía social e inseridas nas diferentes áreas do Campus Crea da Universidade de Vigo.
O certame premiará as mellores ideas de negocio en cada unha das catro categorías convocadas: artes, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; deporte, saúde e benestar; e medio ambiente e natureza.
En cada categoría outorgarase un premio económico de 250 euros e un accésit, consistente na cota de balde en AJE-Pontevedra durante 12 meses, período no que poderán beneficiarse de todos os servizos que ofrecen aos seus asociados.
Como recollen as bases, o xurado avaliará tanto a orixinalidade e carácter innovador da actividade proposta, como o seu potencial para converterse nun proxecto empresarial e o seu nivel de desenvolvemento, o seu valor social e as súas posibles vantaxes competitivas no mercado.
O concurso enmárcase na Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración coa que a Xunta de Galicia, co apoio de entidades socias como a UVigo ou AJE-Pontevedra, fomenta o desenvolvemento da economía social e o espírito emprendedor.
"Creo que sei hai algo que é importante resaltar hoxe en día son aqueles aspectos que teñen que ver coa economía, pero que entroncan directamente coa cidadanía", sinala o vicerreitor do campus, Jorge Soto, en declaracións ao Diario da Universidade de Vigo (DUVI).
Nese senso, destaca que se trata duns premios dirixidos a impulsar "iniciativas que teñen que ver co emprendemento", pero tamén con promover unha "economía das persoas", que poña o foco nos aspectos que inflúen no benestar da cidadanía e que se encadren á súa vez na colaboración entre a Vicerreitoría e AJE-Pontevedra, da que destaca "o seu dinamismo e a capacidade que teñen para liderar proxectos con xente nova".
O concurso está aberto á participación tanto do alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos do campus de Pontevedra como das persoas emprendedoras en xeral.
As persoas interesadas deberán enviar ao correo electrónico contacta@creaeconomiasocial.com o formulario de candidatura que se pode descargar da web do concurso ou un vídeo de non máis dun minuto no que expliquen a idea de negocio, o problema ou necesidade que resolvería, o produto ou servizo que se pretende comercializar, a novidade e innovación que achega o proxecto, o colectivo ao que iría dirixido e o seu posible impacto social.
Ademais, as persoas interesadas en participar contan cun servizo de apoio que lles axude a resolver posibles dúbidas antes de presentar a candidatura, a través tamén do enderezo contacta@creaeconomiasocial.com. Así mesmo, tamén poderán participar nunha serie de talleres nos que aprender a identificar problemas, deseñar produtos e servizos adaptados á realidade social e económica, deseñar procesos de compra e venda e coñecer casos de éxito.