A Universidade de Vigo estudará como mellorar as materias de Lingua e Literatura galega nos institutos

Pontevedra
03 de maio 2022

A Deputación de Pontevedra ven de asinar un convenio coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento dun estudo dirixido a coñecer como se están traballando nos institutos os contidos do bloque Lingua e sociedade, dentro da materia Lingua galega e Literatura, para a partir de aí propor melloras para a práctica docente

Jorge Soto e María Ortega Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra ven de asinar un convenio coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento dun estudo dirixido a coñecer como se están traballando nos institutos os contidos do bloque Lingua e sociedade, dentro da materia Lingua galega e Literatura, para a partir de aí propor melloras para a práctica docente. 

"A normalización do galego non pasa só polo seu ensino formal no sistema educativo", subliña Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, que se encargará de desenvolver un estudo que busca coñecer as demandas e expectativas do profesorado responsable da materia Lingua e literatura galega co obxectivo de facilitarlles ferramentas docentes. 

Nese senso, Fernando Ramallo incide precisamente en que un dos elementos fundamentais "para lograr esa ansiada normalización" do idioma é "construír, traballar e transmitir saberes relacionados coa situación sociolingüística de Galicia desde unha perspectiva crítica". 

A deputada de Lingua, María Ortega, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, en representación do reitor, asinaron este convenio, polo que o organismo provincial financia con 17.000 euros un estudo que se levará a cabo ao longo do presente ano. 

Mellorar o ensino sobre a situación sociolingüística do galego, falar da diversidade lingüística e do multilingüismo, e que o alumnado dos institutos comprenda as dinámicas das linguas na Galicia como chave para garantir o futuro do idioma propio. Ese é o obxectivo do convenio asinado.

Como punto final ao traballo de investigación da Universidade de Vigo está prevista a organización das xornadas ‘Lingua e sociedade no ensino secundario’ co obxectivo de promover o debate, a reflexión e a circulación de novas ideas arredor da situación social da lingua galega no momento actual, alén de presentar os principais resultados acadados. Tamén se prevé realizar material sociolingüístico de divulgación para utilizar nas aulas.