A Universidade de Vigo abre a preinscrición para o innovador programa de doutoramento CREA

Pontevedra
29 de agosto 2022

A Universidade de Vigo convoca un primeiro prazo de preinscrición do 1 ao 9 de setembro para o 'Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sustentable', unha iniciativa que chega á súa quinta edición como unha referencia na formación transversal e interdisciplinar

Grupo de estudantes universitarios / freepik.es

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo (UVigo) avanza no camiño cara á súa especialización como campus 'CREA S2i', co 'Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sustentable', unha iniciativa que chega á súa quinta edición como unha referencia na formación transversal e interdisciplinar.

Este programa innovador, coordinado pola doutora e profesora titular da Escola de Enxeñería Forestal Ángeles Cancela Carral, busca estudar e aplicar solucións creativas aos desafíos da sociedade actual desde diferentes ámbitos, explorar novas formas de innovación e, á súa vez, entender o modo en que se desenvolven, conseguen os seus fins ou fracasan. Así mesmo, fomenta os valores de innovación, creatividade e compromiso ambiental, que inspiran ao campus 'CREA S2i'.

Neste proxecto académico converxen todas as ensinanzas do campus de Pontevedra a través de seis liñas de investigación: Innovación en Saúde; Innovación, Sustentabilidade e Comunicación; Deseño e Innovación Social; Innovación e Sustentabilidade dos Recursos Naturais; Gobernanza e Innovación; e Innovación Pedagóxica na Profesionalización Docente. 

A Universidade de Vigo convoca un primeiro prazo de preinscrición do 1 ao 9 de setembro, con matrícula do 1 ao 7 de outubro.

A QUEN VAI DESTINADO?

O alumnado que opte a unha das 20 prazas que oferta esta especialización en 'Creatividade e innovación social e sustentable' poderá proceder de diferentes titulacións compatibles cos obxectivos e ámbitos do Programa, enfocados á creatividade e innovación social e sustentable desde a educación, saúde, deseño, gobernanza, comunicación e recursos naturais.

En canto ao perfil de ingreso recomendado, daráselles prioridade ás persoas cun percorrido académico de licenciatura, grao ou mestrado relacionado coas áreas propias do profesorado que imparte o doutoramento, no que participan máis de cen docentes organizados en seis equipos de traballo. 

Así mesmo, é recomendable un bo coñecemento de inglés, a partir do nivel B1, para o seguimento dalgunhas actividades formativas, como o seminario de comunicación escrita en inglés, presentación de comunicacións, asistencia a congresos de carácter internacional e a elaboración de publicacións en revistas.

ESPAZOS DE DOCENCIA

As clases desenvolveranse en diferentes espazos do Campus de Pontevedra.

Deste xeito, as actividades presenciais terán lugar na Casa das Campás-Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, Facultade de Belas Artes, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Facultade de Fisioterapia, Escola de Enxeñaría Forestal e Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

Como apoio á actividade docente presencial, a Universidade de Vigo pon a disposición do profesorado e alumnado a plataforma de teledocencia MooVi con recursos en liña destinados á teleformación.

SAÍDAS PROFESIONAIS

Unha vez rematado o doutoramento, o ámbito laboral do persoal investigador pode ser tanto o sector privado coma o sector público, no que destacan os centros de investigación nas universidades. 

En concreto, o persoal investigador pode realizar un postdoutoramento nunha institución académica, investigar e dar clases na Universidade de Vigo, traballar nunha empresa privada en departamentos de I+D+i, crear un empresa propia de persoal investigador do tipo spin off ou participar en proxectos de auto-ocupación.

Arquivado en